Lugo Cultural – Concerto de Caamaño & Ameixeiras
24.04.2024 | 20.30h-22.00h / Praza de Santa María (en caso de choiva, Auditorio da Facultade de Veterinaria)

O concerto de Caamaño & Ameixeiras ten lugar o mércores 24 de abril ás 20.30 horas na Praza de Santa María ou, en caso de choiva, no Auditorio da Facultade de Veterinaria.

Será o cuarto do ciclo Lubicán, promovido desde a área de Cultura da USC no Campus de Lugo ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan con financiamento USC, áreas de Cultura do Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.

Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) forman Caamaño & Ameixeiras, un dúo galego ligado á música e ao baile de raíz.

Desde o seu nacemento, en 2018, conta cunha intensa traxectoria, tanto a nivel nacional como internacional. Tomando como punto de partida a tradición, o dúo consegue crear unha linguaxe propia e única, con composicións e arranxos persoais e vivos que manteñen a esencia do popular incorporando recursos contemporáneos e situando a emoción en primeiro plano.

Logo do éxito colleitado do seu primeiro traballo discográfico, ‘Aire!’ (premio Martín Códax da Música 2021 na categoría de Folk, 1º premio no Folkez Blai 2021 de Ermua no País Vasco, premio Opinión da Música de Raíz ao disco do ano 2021), producido polo recoñecido músico burgalés Diego Galaz e con colaboracións tan destacadas como a de Sílvia Pérez Cruz ou Fetén Fetén, o dúo lanza en outubro de 2023 o seu segundo álbum.

En ‘Quitar o aire’ (2023), con Hevi (Malandrómeda) aos mandos da produción, Caamaño&Ameixeiras resignifican e actualizan os códigos da música de raíz, dando un cambio ao seu son, elevando a mística e a profundidade e levando a sonoridade da tradición galega e ibérica á virulencia de planos máis frontais e de músicas que saen das marxes dos xéneros.