A Deputación reivindica a María Victoria Moreno na Semana das Letras Galegas

Maio 2018 A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou este luns, na Praza de San Marcos, as actividades promovidas polo Goberno da Deputación para homenaxear a escritora, María Victoria Moreno, á que se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. García Porto reivindicou o papel de María Victoria a prol do idioma e remarcou que “é a cuarta muller á que se lle dedica o Día das Letras, despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). Dende o Goberno da Deputación contribuímos a espallar a súa obra coa promoción da Semana das Letras Galegas nos centros de ensino da provincia”.

“Concretamente doamos libros a 7.000 alumnos de 45 centros de Educación Secundaria de toda a provincia, nos que contamos coa participación de 384 docentes, para deseñar actividades didácticas entorno a figura de María Victoria Moreno. Dentro da programación inclúese unha Guía do Profesorado con pautas para utilizar o manual, que xa recibiu todo o alumnado e os seus profesores. E o día 16 de maio como remate da semana escolar, ás 12:00 da mañá, os centros participantes realizarán actos literarios sobre a súa vida e obra”.

Obradoiro e concerto

García Porto avanzou que a Praza de San Marcos acollerá tamén un obradoiro gratuíto para todos os públicos de estampación, no que se poderán realizar retratos de María Victoria. Estará aberto o luns 14 e martes 15, dende ás 17:00-19:00 horas. Esta actividade, que non require inscrición previa, realizarase nunha carpa. Outra das actividades previstas polo Goberno da Deputación é un concerto da Tradescola, acompañado da Escola Municipal de folclore de Betanzos que terá lugar tamén na Praza de San Marcos. Esta actividade será o mércores 16 de maio, a partir das 19:30 horas.