O folk lucense de Tango en Xan3iro enche a Capela de Santa María

MAR 2018 A Capela de Santa María encheuse este sábado para a actuación do grupo lucense de Tango en Xan3iro. Trátase do terceiro dos 5 concertos do MusicAD, a programación musical, totalmente de balde, que promove o Goberno da Deputación.

Durante o concerto en directo, ao que acudiron 200 persoas que encheron a Capela, o grupo lucense Tango en Xan3iro, amosou a súa particular lectura de melodías tradicionais facéndoas propias, e interpretaron melodías propias achegándoas ao tradicional. Neste proxecto musical participan Marisa Dapereira no acordeón, Patricia Coucheiro na voz, Xosé Ramón Saborido no clarinete baixo e Bruno Villamor na zanfona, gaita e requinta.

Vindeiras citas

– Sábado, 17 de marzo: A banda de folk Os d’Abaixo está formada, entre outros, por músicos de 2 dos grandes referentes da música en Galicia: Berrogüetto e Fía na Roca. Presentan nesta actuación Quixera ser dos paxaros, o seu segundo disco, composto por temas case todos inéditos, provenientes dun grande traballo de investigación, ao que tamén se dedica a banda. 

– Sábado, 24 de marzo: Dónal Lunny, Pádraig Rynne e Sylvain Barou forman o grupo irlandés Triad. Lunny é membro fundador de bandas como Planxty, The Bothy Band, Moving Hearts and Coolfin. Lunny estivo á vangarda da evolución da música tradicional irlandesa durante máis de 35 anos e participou no renacemento da música tradicional irlandesa nese período de tempo. 

Tango en Xan3iro - Fonte: Deputación de Lugo

 

Todas as actuacións terán lugar na Sala de exposicións da Capela de Santa María ás 20:30 horas. As 200 entradas dispoñibles para cada actuación, que son totalmente gratuítas, poden retirarse, coma sempre, na Capela de Santa Maria desde o domingo previo ás mesmas