Actividades para despedir o Nadal en Lugo

O Concello organiza distintas propostas, que contemplan dende obradoiros no Vello Cárcere, na Casa da Xuventude e no Mercado Municipal, e espectáculos familiares no MIHL, a cinema, música e danza; ademais da visita de Melchor, Gaspar e Baltasar

Decembro 2018 Lugo pon punto final ao Nadal esta semana cunha vintena de actividades que desbordan ilusión. Para elo, o Concello organiza distintas propostas, que contemplan dende obradoiros no Vello Cárcere, na Casa da Xuventude e no Mercado Municipal, e espectáculos familiares no MIHL a cinema, música e danza, ademais da visita de Melchor, Gaspar e Baltasar.

No Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), o Concello preparou distintas sesións de espectáculos para a primeira infancia, de 0 a 6 anos. As tres funcións serán ás 18:00 horas e para poder asistir, aínda que son de balde, é preciso recoller tarxetas na Biblioteca Municipal.

Mércores, 2 de xaneiro: Teatro ó cubo con Nube nube sol. A través do corpo, o xesto, o canto e a música achégase á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da choiva para que todo medre.

Xoves, 3 de xaneiro: Moure con Contos do Apalpador. Proposta de viaxe imaxinaria ao Caurel a través dos contos cun tronco oco dunha mazaira que unha fada das montañas agasalla aos máis miúdos para que miren o mundo a través do corazón das árbores.

Venres, 4 de xaneiro: Atenea García con Bichocas. Con esta proposta estimularase a creatividade individual e colectiva espertando a sensibilidade da primeira infancia cara ao uso do galego. Os obxectos e a palabra faran aos pequenos e pequenas viaxar a través do mundo animal.

No Vello Cárcere, o Concello ten en marcha diversos obradoiros para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, que se celebran en quenda de mañá -de 11:30 a 13:30 horas- e tarde -de 17:30 a 19:30 horas-. É preciso inscribirse a través do 010.

Mércores, 2 de xaneiro: Obradoiros de adornos con feltro. Os distintos motivos e personaxes de Nadal tomaranse como base para realizar pequenos obxectos decorativos para crear ambiente de Nadal nas casas das nenas e nenos.

Xoves, 3 de xaneiro: Obradoiros de chapas e pins personalizados. Cos deseños elixidos polas nenas e nenos e outros propostos polos monitores do taller, faranse todos os pasos para elaborar chapiñas que adornarán as prendas destes pequenos creadores.

Venres, 4 de xaneiro: Obradoiro para darlles unha nova vida aos xoguetes rotos. Cada nena e neno traerá da súa casa cando menos un xoguete cun “pequeno defecto” que se reparará neste obradoiro e terá unha nova oportunidade.

Cine e música

Dentro da exquisita selección de filmes de Nadal que proxectou ao longo destes últimos días o Concello, mañá xoves, 3 de xaneiro, haberá dúas sesións de cine, unha ás 18:30 horas, Canción de Nadal, do director Brian Desmond Hurst, e outra ás 20:30 horas, A muller do bispo, do director Henry Koster.

En canto a actuacións musicais, o venres 4, o patio do Vello Cárcere acollerá a partir das 18.30 horas Trotasongs. Contacánticos As viaxes polas fragas dos Biosbardos. É para un público familiar con nenas e nenos de 6 a 12 anos. A entrada é libre ata completar a cabida.

Ese mesmo día, ás 20:00 horas, o cantante lugués Edgar Bao presentará, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, o seu novo single, Tu vida en la mía. Trátase dunha actuación de balde, con retirada de entrada na Oficina Municipal de Turismo, na web www.entradaslugo.es ou media hora antes da actuación nas propias instalacións do auditorio.

Reis Magos

Os Reis Magos visitarán o Mercado Municipal  o día 4 de xaneiro, de 17:30 a 19:30 horas. A Cabalgata de Reis  partirá ás 18:00 horas da Praza da Milagrosa. Unha hora antes haberá danza, na Praza de Santo Domingo, na rúa da Raíña e na Praza Maior. Interpretaranse catro danzas tradicionais. a Danza de Fitas, de Arcos, de Paos e de Castañetas.