Anxos Fazáns e Pepe Coira presentarán este venres 'As liñas descontinuas' en Lugo. Será nos cines Códex na sesión das 20h00, que continuará cun coloquio protagonizado pola cineasta e o guionista.
Este venres 27 de febreiro, As liñas descontinuas, escrita e dirixida por Anxos Fazáns, pecha a súa primeira semana en salas nun pase especial con coloquio que estará presentado pola cineasta e o guionista Pepe Coira nos Cines Códex de Lugo (20h00).
A segunda longametraxe de Fazáns é un drama intimista rodado integramente en galego, protagonizado por Mara Sánchez, que regresa ao mundo actoral tras uns anos apartada; e Adam Prieto, para o que Denís supón o seu primeiro papel na interpretación. No filme, Bea é unha muller de 50 anos en proceso de divorcio e Denís é un mozo trans de 28 anos que loita contra a precariedade laboral. Un suceso inesperado lévaos a coñecerse e este encontro transformará para sempre a súa realidade.
Tras a súa estrea na Sección Oficial da 29ª edición de Tallin Black Nights Festival, a película percorreu numerosos certames nacionais onde cultivou diferentes premios; no pasado Festival Internacional de Cinema de Xixón (FICX) obtivo o Premio «DAMA» ao Mellor Guion de Película Española e o Premio RAMBAL da Asociación asturiana XEGA.
‘As liñas descontinuas’ é unha produción de Sétima (Silvia Fuentes, Anxos Fazáns) e Sideral (Nuria Landete, Roberto Butragueño). Conta co apoio do ICAA, AGADIC, CSAG, HBO e as Deputacións de Pontevedra e da Coruña; e será distribuída en cinemas da man de Sideral.
En palabras da directora
«As liñas descontinuas é unha película sobre a tenrura, sobre a beleza que aparece cando permitimos que as persoas que nos rodean nos atravesen. Nesta película un mozo trans e unha muller de máis de 50 anos crean un espazo no que compartir os seus medos e desexos.
Imaxinei esta historia inspirada por unha noticia real lida nun xornal. Con ese punto de partida quixen imaxinar uns personaxes e un universo propio. Esta película é unha canción de amor. Un conto. Un breve encontro.
No meu cinema gústame poñer ás persoas no centro, tento falar da construción de relacións sas, da ruptura de estereotipos e de formas de vida alternativas e sostibles. Con este filme abro espazo para temas poucas veces retratados en pantalla como son o desexo, a soidade, a autoestima e a transformación persoal dunha muller de mediana idade e dun mozo trans.
Esta non é unha historia real lida nun xornal, non é a historia da miña nai, nin a do meu amante ou mellor amigo. Pero está inspirada por todos eles.»
Anxos Fazáns
A estación violenta (2017) é a súa primeira longametraxe, co que viaxa por varios festivais como o Festival de Cinema Europeo de Sevilla, BAFICI, D’A Film Festival, SANFIC ou Cinespaña Toulouse. Recibe ademais unha Mención de Honra no Festival Internacional de Cali. Tamén as súas últimas curtametraxes forman parte de diversos festivais: Habitar (2023) seleccionada no D’A Film Festival, Play-Doc e o Festival Internacional de Cinema de Xixón e Analóxica (2019) que compite en BAFICI e Curtocircuíto.
En 2018 funda xunto a Silvia Fuentes a produtora galega Sétima, desde onde traballa na produción de proxectos doutras directoras.
https://www.instagram.com/laslineasdiscontinuas/
Dirixe @anxos_fazans
Producen @setimacine e @elamediaestudios
Distribúe @sideralcinema
























