O grupo ‘Pikotres’, integrado por Damián Pol e Clara Tallón, coa curta Pasadoble impúxose no certame audiovisual Findecurta que realizou a súa entrega de galardóns na Casa do Saber o pasado venres 22. 

Pasadoble recibiu tamén o premio do público, xunto a Mar de Fondo do grupo Extravagants, conformado por Joana Vilaverde, Antom Vilaverde e María Vilaverde. 

O xurado estivo composto polas persoas vencedoras da primeira edición do certame, Alejandro Real e Eva Cabanelas. Participaron na entrega de galardóns o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande; a vicerreitora de Lingua, Cultura e Patrimonio, Ana Cabana; a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; e a deputada provincial, Iria Castro. 

Os premios consisten nun primeiro de 450 euros, que supón ademais a participación da curtametraxe na Semana de Cine de Lugo onde competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega, e un segundo (Premio do Público), que supón tamén a participación na devandita Semana do Cine.

As obras a concurso nesta edición debían albergar os seguintes personaxes: Emilio Mouret ou Emilia Mouret (arqueóloga), Bernaldo Peirallo ou Bernalda Peirallo (pintor), así como un ouriñal e un espremedor.

Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.