Inauguración da exposición «Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben»
Inauguración da exposición «Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben»
Xoves 04 de xuño de 2026
18:00 horas
O Vello Cárcere de Lugo
Presentarase por primeira vez o libro que acompaña a exposición e que amplía a colección de retratos que se poden ver na mesma. O deseño da gráfica da exposición é de Xaime Fandiño, que tamén se encargou de dar forma a un coidado libro-obxecto que se vai agasallar a todas as persoas que asistan ao acto de inauguración da exposición.
As imaxes son da autoría de Fuco Reyes e das persoas participantes no Laboratorio Artístico e Creativo do Dano Cerebral Adquirido.
A exposición vai estar ata o 30 de xullo. O centro cultural abre todos os días de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
“Vou ata o límite, vou ata o final. Vou onde todas as cousas perdidas volven estar ben” sentencia Bob Dylan na súa canción I Contain Multitudes.
Unha declaración que podía ter saído da boca de calquera persoa con dano cerebral adquirido unha vez transitado o dó e interiorizada a cronicidade das secuelas que compoñen a súa discapacidade.
Estas son diferentes en intensidade, cantidade e tipoloxía, dependen da persoa e do lugar do cerebro no que o ictus ou o traumatismo cranioencefálico -por citar as principais causas- provocou a lesión.
Multitude de secuelas, multitude de persoas, multitude de sensacións de ida e volta, do antes e o despois desta discapacidade adquirida que o cambia todo para a persoa e para a súa familia e contorna social.
O cantautor Nobel levaba na canción ao presente o poema de Walt Whitman. Este, co seu “Contradígome. Son grande, conteño multitudes”, tamén parece retratar a experiencia dunha persoa con dano cerebral, que é a de antes, pero tamén é unha persoa nova tralo dano. Con contradicións, con novidades, con variedade, pero tamén a mesma, sempre.
Esta reflexión sobre o dó, sobre o cambio e sobre a readaptación foi a que sobrevoou cada un dos retratos de Fuco Reyes que compoñen a exposición ‘Contemos multitudes. Dano cerebral adquirido, onde as cousas perdidas volven estar ben’.
Dano Cerebral Galicia e Dano Cerebral Lugo




























