Foto: Comunicación do Concello de Lugo.

Lugo volveu converterse este domingo nun gran espazo de creación artística coa celebración da XXVI edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo.

Nesta edición participaron 33 artistas chegados de distintos puntos de Galicia, Asturias, León, Cataluña e Portugal.

Outro dos aspectos destacados desta edición foi a súa diversidade xeracional, xa que participaron artistas con idades comprendidas entre os 25 e os 74 anos, unha mostra da capacidade deste certame para reunir persoas de diferentes xeracións, traxectorias e sensibilidades arredor da creación artística.

Ao longo da xornada, os participantes percorreron diferentes espazos da cidade para realizar as súas obras, que foron entregadas ás 17.00 horas para seren avaliadas polo xurado.

O goberno local destacou que este certame «permite promocionar Lugo a través da arte, poñendo en valor cada recuncho da cidade e un patrimonio monumental e natural que nos fai únicos».

O xurado estivo integrado por Lara Esperante Ingelmo, artista plástica e integrante da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración; Xabier Pico Franco, profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo; e M.ª Dolores Guerrero Lombardía, pintora e delegada en Lugo da Asociación Española de Pintores e Escultores.

Na valoración das obras tivéronse en conta criterios como a composición e perspectiva, a creatividade e interpretación da contorna, o dominio da técnica empregada, o uso da cor e da luz, o impacto visual e emocional, entre outros aspectos.

PREMIOS DA XXVI EDICIÓN DO CERTAME DE PINTURA RÁPIDA AO AIRE LIBRE CIDADE DE LUGO

        1º premio (1.600 € e diploma): Manuel Carballeira Rivas.
        2º premio (1.100 € e diploma): Abel Barandela Fernández.
        3º premio (900 € e diploma): José Ángel Rivas Sánchez.
        Premios de 300 € e diploma: Óscar Herran Mínguez, Borja García Cuesta, Eduardo Pérez Baamonde, Daniel Izquierdo García e Josep Millar Chía.
        * Premio ao artista local (450 € e diploma): Roldán Lauzán Eiras.

Coa entrega dos galardóns púxose o broche a unha nova edición dun certame que continúa consolidándose como unha das citas culturais máis destacadas do verán lucense, convertendo Lugo nun espazo de encontro para artistas chegados de diferentes territorios e nun escaparate do seu patrimonio a través da pintura ao aire libre.