Xornadas de inicio de curso #BenVidaUSC
Cunha ampla programación de actividades culturais e deportivas, a maioría de acceso libre e sempre gratuíto para a comunidade universitaria, as xornadas diríxense ao conxunto do estudantado para que coñeza en primeira persoa o abano de servizos que lle ofrece a Universidade de Santiago de Compostela Campus de Lugo.
PROGRAMACIÓN
Concertos de Alddara e LG1DO, visitas guiadas; sesións abertas para achegarse á creación escénica e á danza, ademais de obradoiros de pandeireta, baile tradicional e unha foliada; campionatos e aulas de diferentes disciplinas deportivas; así como accións destinadas a coidar o benestar emocional, as relacións e os vínculos.
As Xornadas teñen un propósito “moi sinxelo, pero moi importante: queremos que o primeiro contacto co curso non sexa simplemente entrar nunha aula, senón entrar na Universidade”. Con estas verbas, definiu a reitora Rosa Crujeiras o propósito que persegue a USC á hora de artellar esta programación.
Porque entrar na Universidade, continuou Rosa Crujeiras, “significa moito máis que comezar unhas clases. Significa coñecer novos espazos, novas persoas e novas posibilidades; descubrir que, ademais das titulacións que se veñen estudar, hai cultura, deporte, patrimonio, linguas, creación, participación e tamén servizos pensados para acompañar o estudantado ao longo da súa vida universitaria”.
Na web das Xornadas xa está habilitado o formulario para reservar oco naquelas actividades que teñan límite de prazas.
A reitora finalizou a súa intervención cunha mensaxe dirixida ao estudantado:
“Aproveitade estas semanas para descubrir a USC. Non teñades medo de entrar nunha actividade que non coñecedes, de visitar un espazo novo, de probar un deporte, de asistir a un concerto, de participar nunha foliada ou de achegarvos a algunha das moitas propostas que temos preparadas. Porque unha parte importante da experiencia universitaria tamén se constrúe fóra da aula. E tamén se constrúe aprendendo a participar, a convivir e a coidarnos”.






