A música galega volve situarse no epicentro da escea internacional.
A aclamada cantautora, psicóloga e activista cultural Ugía Pedreira (Vilaronte, Foz, 1971) coñecida artisticamente como A Pedreira, foi a única española na selección oficial para formar parte dos prestixiosos Official Showcases do WOMEX 2026, o encontro de músicas do mundo máis importante a nivel internacional.
O seu concerto na 32ª edición do WOMEX (Worldwide Music Expo) será o xoves 22 de outubro ás 21:45h en Plaza Stage -Praza do Espigón-, nas Palmas de Gran Canaria.
Un fito importante na súa carreira pola oportunidade que implica darse a coñecer nun escaparate global inigualable que reunirá a miles de profesionais da industria musical.
A custodia do ancestral no mundo contemporáneo
Con máis de trinta anos de traxectoria, A Pedreira é unha referencia imprescindible no panorama musical galego.
Pioneira en establecer diálogos transgresores entre a música galega e ás músicas do mundo, deu vida a proxectos históricos como Marful (música popular urbana), Nordestinas (jazz de raíz) ou A Descarga ao Vivo (fusión da música galega coa afrocubana).
Elixida no WOMEX por un xurado independente e internacional de entre máis de 1.000 candidaturas procedentes de todos os recunchos do globo, este recoñecemento pon en valor a súa sólida traxectoria que suma xa 12 álbums publicados.
Cunha capacidade única para articular hibridacións sonoras audaces e de alta mestría poética, a súa proposta enmárcase no folk de vangarda con inspiracións do jazz, do afrobeat, do rock e do trance.
O seu son reconstrúe a alma indíxena europea, evocando unha panxea onde os pobos compartían símbolos e ritos na «fin do mundo» do vello continente, ao final do Camiño de Santiago.
Unha voz que atravesa o corpo e libera a alma
A súa voz, dotada dunha sorprendente intelixencia emocional grazas ao seu oficio de psicóloga, atravesa o corpo, libera e transforma socialmente a través do canto e o seu movemento.
Animal escénico capaz de encher o palco de vida, A Pedreira canta en aberto co corazón na man, convertendo os seus concertos nunha catarse a prol da saúde mediante a arte.
Sobre o escenario do WOMEX, estará rodeada dun elenco cosmopolita formado polo pianista de jazz cubano Alejandro Vargas, o guitarrista brasileiro Mauricio Caruso e a multinstrumentista ferrolá formada en Londres, Lorena Cachito.
Web A Pedreira:
https://apedreira.eu/






