Europa Cinemas acaba de recoñecer á sala lucense como parte da súa rede internacional de cinemas. Creado en 1992 co financiamento do programa Media da Union Europea, inclúe 43 países, máis de setecentas cidades e preto de mil duascentas salas. Una rede dedicada á difusión do cinema europeo
e a promoción do mesmo entre as novas xeracións e que esixe como requisito ter unha programación onde os filmes continentais non españois supoñan unha porcentaxe superior ao 35% baremo que Codex Cinema cumpriu con creces.
Desta forma, Codex Cinema se converte na segunda sala de Galicia en obter esta distinción tras o Cinema Numax de Compostela. Faino grazas a unha candidatura conxunta con Duplex Cinema, a nova sala de Ferrol que ao igual que Codex rehabilitou uns cines pechados para darlles unha nova
vida mostrando cinema europeo, independente e en versión orixinal. Apostas diferentes que veñen a renovar a exhibición cinematográfica nun tempo de crise para as salas tradicionais. Uns cinemas que apostan pola calidade antes que pola cantidade, por unha programación feita con tacto e atenta aos problemas reais dos espectadores e non tanto como simple oferta de ocio pasaxeiro.
Esta distinción chega cando Codex Cinema está a piques de cumprir o seu segundo aniversario. En tan só dous anos de existencia, a sala lucense conseguiu entrar nunha rede da que só forman parte outros 61 establecementos en toda España. Así, Lugo aparece no mapa do cinema europeo por primeira vez desde a existencia do programa, e faino grazas a unha programación de calidade centrada no cinema europeo, de autor, con sensibilidade ao cinema feito por mulleres e atento aos grandes problemas da sociedade actual, como a violencia de xénero, o drama da inmigración, o éxodo rural, a marxinación da xuventude ou a desafección política. Para Codex Cinema é un orgullo representar á cidade de Lugo no programa Europa Cinemas e poder seguir traballando na normalización e visibilidade do cinema galego e europeo.
Presentouse no marco do festival de cine europeo de Sevilla unha nova rede de cinemas independentes de nome PROMIO, co obxectivo de defender a diversidade cultural na exhibición cinematográfica, definida pola cota de pantalla dedicada a películas españolas, europeas ou de terceiros países infrarrepresentados.
O obxectivo principal da asociación é “defender esta diversificación cinematográfica, así como axudar a mellorar o sector, fomentar a versión orixinal e/ou subtitulada; potenciar a alfabetización audiovisual; impulsar medidas de estímulo económico; defender a experiencia cinematográfica nas salas á vez que fortalecer a relación co resto de sectores da creación e a industria; promover a innovación nos modelos de negocio, a tecnoloxía e contidos e defensa da sostibilidade medioambiental aplicada ás salas de cine”. Valores todos eles que marcan a traxectoria de Codex Cinema nos seus dous anos de existencia.
PROMIO, que debe o seu nome ao operador de cámara dos irmáns Lumière que rodou as primeiras películas en España, conta entre os seus primeiros socios, ademais de Codex Cinema, con Duplex (Ferrol), Numax (Compostela), Cine Estudio CBA (Madrid), Cineciutat (Palma de Mallorca),
Cinemes Girona (Barcelona), Zumzeig (Barcelona), Cinema Truffaut (Girona), Cine Embajadores (Madrid) ou Cinema Edison (Granollers), así como conta co apoio da Unidade Europa Creativa MEDIA, a rede europea de cinemas independentes Europa Cinemas, e as asociacións equivalentes
de países da contorna como Francia (AFCAE), Alemaña (AGKINO) e Italia (FICE).