Sara Plaza Moreno, alumna da edición 2019-2020 do mestrado en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) que se imparte na Facultade de Formación de Profesorado do Campus de Lugo da USC, acadou o XXXIII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, un galardón instituído pola directiva do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene en 1987 coa vontade explícita de honrar a memoria do Segrel do Penedo.

O xurado encargado de fallar este premio, cuxa entrega está prevista para o 21 de novembro, estivo formado pola poeta Lucía Novas, a crítica literaria Iris Cochón e Carlos Lixó, gañador do certame en 2017. Logo de analizar as 76 candidaturas presentadas a concurso este ano, o tribunal decantouse pola obra titulada ‘Todos os pasos fan ruído’, de Sara Plaza Moreno.

O poemario galardoado co XXXII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé forma parte do Traballo Fin de Mestrado (TFM) elaborado por Sara Plaza para o mestrado DAEN baixo o título ‘Da escritura como mirada á mirada que escribe. A natureza como alento e sustento do sentido estético’, un TFM que tamén vén de ser recoñecido na XVI Edición dos Premios á Calidade Lingüística, impulsados desde o Servizo
de Normalización Lingüística da USC.

Sara Praza Moreno, nada en Bustarviejo, na serra de Madrid, é mestra de formación e tradutora e revisora de textos. Aprendeu galego pola súa conta, preocupada pola situación social e lingüística galega.

Sara Plaza Moreno gaña o XXXIII Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé
Fonte da fotografía: gabinete comunicación USC-Campus Lugo