ABRIL 2018 A Cidade da Cultura inaugurará o vindeiro 30 de abril a exposición Pestana, a verdade entre as mans para recuperar e pór en valor a obra do fotógrafo galego (Castroverde, Lugo. 1917-2015), descoñecido para o gran público, pero todo un referente da imaxe na segunda metade do século XX. A mostra sobre Baldomero Pestana chega ao Museo Centro Gaiás, tras recibir máis de 10.000 visitas durante os seus dous meses (desde o 15 de febreiro ao 8 de abril) na sede en Madrid do Instituto Cervantes.
Ademais, a exposición —organizada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e o Instituto Cervantes— conseguiu neste breve tempo unha importante repercusión mediática, sendo obxecto de reportaxes en medios internacionais como The Guardian, que cualificou a Baldomero Pestana como “fotógrafo dos xigantes das letras hispanoamericanas”; en El Comercio de Perú, que valorou que o galego conseguise “apropiarse dos rostros e as vidas de escritores, artistas e pensadores” a través dos seus retratos; Clarín quixo remarcar a súa vida, propia “dunha novela de aventuras”; mentres que El País salientou o poder das súas imaxes para “atraer o espectador dun golpe”.
Comisariada pola galega Chus Villar e polo escritor Juan Bonilla, a exposición conta coa implicación dos familiares de Pestana, Antonio Polín Pérez e Carmen Rico Coira, responsables dos fondos de máis 17.000 negativos de Pestana e custodios de todo o seu legado, polo que se trata da mostra máis completa realizada ata o momento sobre o fotógrafo galego.
Así, ademais dos seus libros, cartas e a súas cámaras Rolleiflex, Hasselbald e Linhof, exhibiranse 150 fotografías, imaxes de denuncia social e retratos de escritores e intelectuais, como Pablo Neruda, García Márquez, Vargas Llosa, Blanca Varela, Norah Lange, Jorge Luis Borges, Man Ray ou o trompetista de jazz Dizzy Gillespie. O visitante poderá seguir o seu periplo vital nas tres cidades nas que se enmarca a vida de Pestana antes de regresar a Galicia: Bos Aires, Lima e París.
Pestana, a verdade entre as mans
30 Abr – 2 Set 2018
De 10 a 20 horas
Museo Centro Gaiás (Pecha os luns)
De balde.
Visitas comentadas:
De martes a venres: 17.30 horas.
Sábados, domingos e festivos: 12.30 e 17.30 horas