Regresa Microefectos Dramatúrxicos!

Este xoves 02, venres 03 e sábado 04 tedes unha cita no Clube Clavicémbalo con Microefectos Dramatúrxicos. A aclamada compañía lucense de teatro interpretará catro micropezas novas en pases de 20:30 e 22:30.

Para realizar reservas tedes este correo:

club@clavicembalo.com. Tedes que indicar o voso nome e a hora á que queredes acudir. Máximo tres persoas por reserva. Debido a alta demanda haberá 46 entradas online e 4 na billeteira.

As pezas son: 

«Me dio pereza titular esta pieza», escrita e dirixida por Brian Rodríguez e interpretada por Raquel López Cendán, Anxo Manoel ademais do propio Brian.
Non sabemos se a preguiza á que fai referencia o título da peza é preguiza do propio autor á hora de darlle un nome ao texto, se consiste nunha abulia que se apodera das personaxes ou… ambas. O único que temos claro é que esta irreverente peza non deixará indiferente a ninguén.

«En fuera de juego», escrita e dirixida por Pepe Saavedra e interpretada por Anxo Manoel, Brais García e Brian Rodríguez. Contan por aí que dende fai moitos anos Pepe Saavedra ten eternas e irresolubles disputas con moitos dos seus amigos a propósito de como un árbitro debe acometer certas decisións. Moito nos tememos que esta divertida, e moi tola peza, avivará máis este encarnizado debate en lugar de resolvelo.

«Malfuncionamento.opening», escrita e dirixida por Brais García e interpretada por Raquel López Cendán, María Grandío e Brian Rodríguez. Unha reflexión, dende a ficción, sobre as novas formas de creación de contido na rede e de como os límites entre virtualidade e realidade difumínanse dunha maneira cada vez máis imprecisa.

«Unha noite no Clavi», escrita e dirixida por Raquel López Cendán ben acompañada por María Grandío e Elvira Velasco. Esta peza, chea de emocións e sensibilidade, fálanos dun reencontro, no mesmísimo Club Clavicémbalo, dun grupo de amigas que non queda dende o confinamento.