Fonte foto: Gab. Com. Vicepresidencia Deputación

Xa está aquí unha nova edición do Circuíto de Teatro Afeccionado promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, co que levará máis de cincuenta actuacións polos concellos .

Dezanove compañías –catro máis que na última edición- ofrecen as súas representacións no marco deste programa:

Trátase de Asociación Cultural Abrente (As Nogais), Axóuxeres (Vilaronte, Foz), Hipócrita Teatro (Lugo), Grupo de Teatro do Hospital – HULA (Lugo), Os Palimoquiños (Lugo), Curuxan (Lugo), Nova Escena Teatro (Lugo), Lume Escénico (A Pontenova), O Centiño (Foz), O Torques (Burela), Os Trocos (Castro de Rei), Pico do Castro (Foz), Alentía Teatro (Palas de Rei), A Mariña (Cervo), Grupo de Teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla, Metátese Teatro (Palas de Rei), Os Pinchacarneiros (Lugo), Argalleiras (Chantada) e Teatreiras (Monforte).

A área de Cultura xestiona o calendario, atendendo á dispoñibilidade das compañías e as preferencias dos concellos e asociacións interesadas nesta oferta cultural, e financia íntegramente as actuacións.

A responsábel de Cultura Maite Ferreiro, que se reuniu esta mañá no Pazo de San Marcos con representantes das compañías lucenses que se adheriron ao programa, explicou que “a inicitiva tende a man a que concellos e asociacións podan programar de balde, colaborando coa cesión dos seus espazos, e por outra banda, dando o apoio que os grupos de teatro afeccionado precisan das administracións públicas, especialmente despois dun ano complicado para o mundo da cultura e especialmente para as artes escénicas”.

Por último, a vicepresidenta subliñou a posibilidade que o Circuíto de Teatro Afeccionado ofrece para ampliar a oferta cultural e de lecer nos distintos concellos, animando a entidades locais e asociacións a concertar actuacións para os vindeiros meses

+ INFORMACIÓN (web deputación)