A segunda edición de Camiño Escena Norte chega á provincia de Lugo este martes 15/09 co encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere ata o 17 de setembro, que forma parte do programa xeral que volve traer a Galicia espectáculos de Asturias, Cantabria e Euskadi grazas a este ambicioso proxecto de intercambio escénico entre comunidades do Camiño Norte.
Habitación Peregrina PRO é un espazo de convivencia profesional no que participarán 15 programadores e máis de 30 compañías de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Así mesmo, o encontro pretende ser un foco de reflexión e coñecemento sobre a realidade do sector nas circunstancias actuais, sen perder de vista o traballo sobre o modelo de residencias de creación que desde Camiño Escena Norte quere seguir implementándose a partir de 2021.
Espectáculos en Lugo
Esta fin de semana comezan os espectáculos na provincia de Lugo. O primeiro deles, “Tal vez soñar”, de Hilo Producciones (Cantabria) poderase ver o vindeiro sábado 19 en Mondoñedo (Praza da Catedral) e o domingo no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo.
“Tal vez soñar” é unha lúdica exploración do universo feminino shakespeareano a través de tres das súas obras: Hamlet, Otelo e O mercader de Venecia; unha viaxe que terá tres guías transgresoras e vándalas: as bruxas de Macbeth. O teatro é, quizais, a arte que máis reflicte a sociedade na que vive, unha sociedade que é historicamente machista. Como o era a sociedade na época do teatro isabelino, e como o é o teatro do maior dramaturgo de todos os tempos: William Shakespeare. Abondan un par de exemplos: Hamlet, a mellor obra dramática xamais escrita, ten vinte e oito personaxes, dos cales tan só dous son mulleres. E certamente non saen ben paradas nos seus roles: Gertrud, de puro inocente e ignorante, é case parva; e Ofelia, cando o seu mozo a abandona (o príncipe Hamlet) non ten outro recurso que suicidarse.
Outras vilas da provincia, como acollerán máis adiante outro espectáculo. É o caso de “La loka historia de Frankenstein”, ACAR Teatro del Mundo (Asturias), que se representará o venres 25 de setembro en Ribadeo e o domingo 4 de outubro en Vilalba