ABRIL 2018 A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, xunto a representante da ONG Accem Galicia, Yosehanna Ledesma e outras responsables do proxecto, deron a coñecer o proxecto Mar de Hilos.
Ana Abelleira sinalou a relevancia de levar a cabo este tipo de iniciativas que “traballa, paralelamente, en dous eidos concretos, a arte e a inclusión social. Este proxecto, que ademais desenvolve un importante traballo de sensibilización na poboación de acollida, lles permite aos homes e mulleres migrantes ser partícipes dun proceso integrador, social, lingüístico e relacional, que agardamos que tamén poida levarse a cabo na cidade de Lugo”
O proxecto Mar de Hilos, unha iniciativa artística que procura a integración de colectivos en risco de exclusión social a través da arte que xa se levou a cabo no Concello de A Coruña, desenvólvese en dúas fases que culmina coa representación dunha obra teatral. Na primeira delas realízanse talleres formativos, actividades paralelas e accións de difusión e recadación e a segunda fase céntrase na produción teatral, estrea e xira da obra.
Ademais establécense 5 grupos de traballo relacionados entre si nos que se realizarán talleres concretos en distintas disciplinas artísticas:
Expresión Corporal: traballo de diferentes ferramentas para actores e actrices.
Fotografía: coñecemento de aspectos técnicos e artísticos dentro deste eido e a composición.
Música: taller enfocado na percusión dende un punto de vista teórico, histórico e práctico.
Plástica: creación da imaxe de carteleira e programas da obra, así como tamén decoración e vestiario.
Atrezzo e vestiario: deseño, organización e planificación de elementos visuais.
Como resultado á formación gratuíta recibida e co fin de dar a coñecer esta iniciativa na cidade de Lugo, realizarase a representación teatral da obra Mar de Hilos, na que porán en escena o resultado das sesións prácticas de aprendizaxe artístico. A actuación terá lugar o venres 20 ás 17.00 horas no Salón de Actos do Centro de convivencia Maruja Mallo, no que ademais realizarase un taller de expresión corporal para os asistentes. A entrada é gratuíta ata completar aforo.