O domingo 23 de xaneiro no Gustavo Freire ás 18:30, temos (maiores e peques) unha gran oportunidade para descubrir (ou redescubrir) os Beatles con «Little Neno descobre os Beatles», peza de teatro familiar que nos achega á obra dos 4 de Liverpool.

Producida por A Reixa Producións, dura 45 minutos e está recomendada para público infantil de 2 a 12 anos.

«Cando Little Neno queda durmido sempre suceden cousas estrañas. Pero estrañas de verdade… Renato, o seu oso de peluche, marchou nun curioso submarino amarelo. Para atopar o seu querido amigo, Little Neno terá que contar coa axuda de personaxes sorprendentes coma o tolo do outeiro, o home ovo, Lucy no seu ceo de diamantes e unha morsa. Que comece a aventura…»

Entradas: a través do portal web entradaslugo.es e na Oficina de Turismo ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo.