Continúa a programación de «Brinquedos de Nadal» co espectáculo familiar de Paco Nogueiras «Radio BuleBule» este xoves 02/01 ás 18:30 no MIHL de Lugo. 

Radio BuleBule é un concerto e un programa de radio. Os temas vanse intercalando na programación desta peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades -tendencias, ciencia, natureza…- , música, faladoiro, noticias, información deportiva e previsión meteorolóxica. 

Recorda que podes achegarte ao MIHL desde as 17:00 xa que hai espazo de xogo libre. Brinquedos de Nadal ten a entrada gratuíta ata completar aforo e está promovida por Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do concello de Lugo e o último espectáculo é o venres 3 de xaneiro con Xarope Tulú e ‘O Cardume’.

PACO NOGUEIRAS

Santiago de Compostela, 1970

Diplomado en Graduado Social, músico e actor. Tras formarse cos artistas Andrés Pazos e Fabio Mangolini, impartiu clases de teatro e dirixiu representacións en entidades culturais e escolas. Foi actor e percusionista de Els Comediants e Os Quinquilláns. Na actualidade forma parte da Orquestra Os Modernos, da compañía Os Tres TENedORES e da Campaña de Animación á Lectura de KALANDRAKA. Participou en formacións de música tradicional e foi creador da banda sonora de varios espectáculos teatrais, musicais, de danza e dunha serie infantil da TVG. Ten colaborado con Ophiusa e co proxecto Apego.

“Radio BULEBULE” é o novo traballo de Paco Nogueiras logo de “Brinca vai!” (III Premio Martín Códax da Música – Infantil). O medio radiofónico inspira as 12 cancións deste novo libro-cd-dvd no que volven participar o ilustrador David Pintor e José Miguel Sagüillo dirixindo os videoclips que, como novidade, forman unha curtametraxe.