«APARTE» un centenar de representacións teatrais pola provincia de Lugo
Un centenar de representacións teatrais pola provincia de Lugo
Fonte da foto: Gab. Com. Cultura Deputación de Lugo

A área de Cultura da Deputación de Lugo pon en marcha a  programación Aparte, que achegará o teatro a todos os concellos con preto dun centenar de representacións a cargo dunha trintena de compañías de teatro profesional e amador.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “Aparte” responde a unha reformulación puntual das programacións Buxiganga e Proscenio que a área de Cultura veu desenvolvendo nos últimos anos e que contribuíron de forma decisiva a “ampliar a rede de
compañías de teatro da provincia”.

Ferreiro destacou que coa nova programación se amplia ata os 50.000 euros a partida dedicada ás compañías profesionais e se facilita a participación das compañías afeccionadas que, no caso de non poder actuar pola situación sanitaria, poderán gravar as súas representacións para a difusión en liña.

Representacións seguras

A deputada de Cultura incidiu en que “as representacións se realizarán cumprindo con todas as medidas de prevención das autoridades sanitarias
en cada momento e para cada lugar para preservar a saúde das persoas, que é o máis importante. Como non podía ser doutro xeito, o calendario estará sempre marcado pola situación sanitaria”, concluíu.

Teatro profesional e amador

“Aparte” artellarase en diferentes ciclos, en función das compañías e do público ao que se dirixen prioritariamente as distintas montaxes. A programación implica unha trintena de compañías, nove delas profesionais: Trécola, Titiriterra, Mircromina, Lîlâ Teatro, Ubú Teatro, Señor López Producións, Ítaca Teatro, Pinconús e Teatro Baixo a area, que xa preparan as montaxes que levarán a escena. Nas próximas semanas,
definiranse as compañías e obras das compañías de teatro afeccionado.

Primeiras actuacións

As primeiras representacións realizaranse esta mesma fin de semana:

Venres 11, actuación de Mircromina teatro de Títeres en Baralla coa obra “Cousas de Casa” ás 18:15 na Praza Maior .

Sábado 12, actuación de Lîlâ Teatro, coa obra “Duncan de Palleiro” no Salón de Actos da Casa da Cultura da Pastoriza ás 17:00

Domingo 13, actuación de Lîlâ Teatro, coa obra “Duncan de Palleiro” na Carballeira de Castro de Rei ás 18:00