“Lugo terá un Auto-Cine o vindeiro mes” anunciou Maite Ferreiro concelleira de cultura
A programación cultural completarase con actuacións musicais na ronda da Muralla e teatro en prazas aforadas da cidade
A edil de cultura do concello avanzou o que será a programación cultural prevista para o comezo do verán na cidade de Lugo. Maite Ferreiro sinalou “adaptamos as propostas a realidade que estamos a vivir, pensando sobre todo nas medidas de prevención que se deben manter xa que a saúde ten que ser o primeiro” e engadiu “queremos que a cultura volva a rúa e pensamos sobre todo en dúas cuestións: ter animación na cidade e manter a actividade dos grupos e artistas locais”. “Coas limitacións e protocolos que hai que cumprir na programación de espectáculos públicos tivemos que facer un esforzo imaxinativo para facer algo acaído a esta circunstancia” suliñou Ferreiro.
AUTO-CINE
Unha das propostas máis novidosas será a programación dunha serie de proxeccións nun Auto-Cine.
Esta iniciativa levarase a cabo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación xa que “as proxeccións do Auto-Cine percorrerán varias localidades da provincia pero as primeiras proxección faranse en Lugo, concretamente no aparcadoiro do Pazo Universitario de Deportes”. As proxeccións faranse nunha pantalla led de grandes dimensións e o sonido chegará ao interior dos vehículos pola radio do propio coche a través dunha frecuencia de FM que se activa a tal efecto. Para poder acceder haberá que solicitar a correspondente invitación “para evitar atascos e que acuda un número de vehículos superior á capacidade do Auto-Cine” explicou a concelleira.
Outra das propostas novidosas será o programa Muralleando Sen Parar. Durante varias fins de semana a ronda da Muralla será escenario de varios concertos simultáneos de grupos e artistas locais. “Instalaremos pequenos escenarios en varios puntos arredor da Muralla para animar o paseo das moitas persoas que se animan a camiñar pola ronda, a xente non deberá pararse a ver os concertos, a idea é disfrutar da música mentres camiñamos” indicou Maite Ferreiro que avanzou “contaremos cos artistas e empresas de son de Lugo por que sabemos que van ter un verán difícil en canto ao número de actuacións e a obriga das administración é apoiar á industria cultural”.
A Área de Cultura tamén programará artes escénicas en espazos abertos. “Imos aproveita as prazas da cidade que nos permitan controlar o aforo de asistencia e cumprir coa normativa” dixo Maite Ferreiro e engadiu “hai espazos moi pouco utilizados que son idóneos para, neste momento, facer programación de calidade e con garantías para o público asistente, tamén para artistas e persoal técnico”.