Ciclo de cine «Mulleres» en Afundación Lugo. «A favorita», «Unha cuestión de xénero», e «Toni Erdman» son os filmes incluídos nesta proposta cinematográfica organizada pola Obra Social de ABANCA no marco do Día Internacional da Muller
Todas as proxeccións son de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade

O ciclo está conformado por películas nas que as mulleres son as protagonistas e nas que se tratan temas como a reivindicación de dereitos, a soidade ou o traballo digno: A favorita, Unha cuestión de xénero e Toni Erdman 

Un ciclo transversal que ten como eixo vertebrador o empoderamento das mulleres. 

Este evento enmárcase na iniciativa solidaria de apoio a Ucraína no marco do proxecto «Cultura por alimentos». 

Afundación invita os asistentes ao acto a que, seguindo as recomendacións das entidades que están a traballar sobre o terreo, entreguen prioritariamente alimentos precociñados e latas de conserva, alimentos infantís, produtos hixiénico-sanitarios infantís e femininos e medicamentos e material de primeiros auxilios, que poderán depositar á entrada do recinto nos colectores dispostos para este fin. 

O acceso a cada unha das sesións será a cambio da entrega dalgún destes produtos. Imprescindible reserva previa en Ataquilla.com, sen custo.

OS FILMES
Unha cuestión de xénero (Mimi Leder, 2018) 

Biopic sobre a xuíza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos Ruth Bader Ginsburg, a segunda muller na historia que serviu neste alto órgano xudicial. Ginsburg foi nomeada para o alto tribunal en 1993 polo presidente Bill Clinton e cambiou o curso da historia cun singular caso sobre discriminación de xénero que abriu o camiño para a igualdade nos Tribunais.

Proxectarase o 23 de marzo ás 19:30 sede Afundación Lugo – VDE con subtítulos en español.

A favorita (Yorgos Lanthimos, 2018) 

Película ambientada a comezos do século XVIII, cando Inglaterra se atopaba en guerra contra Francia. Unha raíña debilitada, Anne (Olivia Colman) ocupa o trono, mentres que a súa amiga Lady Sarah (Rachel Weisz) é quen realmente goberna o país no seu lugar debido ao precario estado de saúde e ao carácter inestable da monarca. Cando a nova serventa Abigail (Emma Stone) aparece en palacio, o seu encanto seduce a Sarah, quen a axuda. Como a política ocupa a meirande parte do tempo de Sarah, Abigail comeza a acompañar con máis frecuencia á raíña. 

Poderase ver o 30 de marzo ás 19:30 sede Afundación Lugo – VDE con subtítulos en español.

Toni Erdmann (Maren Ade, 2016).

Inés traballa nunha importante consultora alemá establecida en Bucarest. A súa estresante vida está perfectamente organizada ata que o seu extrovertido e bromista pai Winfried chega de improviso e pregúntalle, «es feliz?» Tras a súa incapacidade para responder, sofre un profundo cambio. Ese pai que
ás veces estorba e a avergoña vai axudar a dar novamente sentido á súa vida grazas a un personaxe imaxinario: o divertido Toni Erdman.

Proxectarase o 6 de abril ás 19:30 sede Afundación Lugo – VDE con subtítulos en español.