Toni Erdman en Afundación de Lugo

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller, o ciclo de cinema «Mulleres» conformado por películas nas que as mulleres son as protagonistas e nas que se tratan temas como a reivindicación de dereitos, a soidade ou o traballo digno. Un ciclo
transversal que ten como eixo vertebrador o empoderamento das mulleres.

As películas A favorita, Unha cuestión de xénero, A boa esposa e Toni Erdman son as escollidas para formar parte do cartel deste ano. Proxectaranse nas Sedes de Afundación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo entre o 2 de marzo e o 14 de abril. Todas as proxeccións son de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade

LUGO – 20:00 horas – Sede Afundación (Pza Maior) – Versión dobrada ao castelán.
Martes 3 de marzo- TONI ERDMANN
Martes 10 de marzo- LA BUENA ESPOSA
Martes 17 de marzo- UNA CUESTION DE GÉNERO
Martes 24 de marzo -LA FAVORITA

OS FILMES

Toni Erdmann (Maren Ade, 2016). Inés traballa nunha importante consultora alemá establecida en Bucarest. A súa estresante vida está perfectamente organizada ata que o seu extrovertido e bromista pai Winfried chega de improviso e pregúntalle, «es feliz?» Tras a súa incapacidade para responder, sofre un profundo cambio. Ese pai que ás veces estorba e a avergoña vai axudar a dar novamente sentido á súa vida grazas a un personaxe imaxinario: o divertido Toni Erdman. 

Proxectarase o 3 de marzo en Lugo

A boa esposa (Björn Ruge, 2017). Protagonizada por Glenn Close e Jonathan Pryce, conta a historia de Joan Castleman, unha boa esposa, de beleza madura e natural, a muller perfecta. Con todo, Joan leva corenta anos sacrificando os seus soños e ambicións por manter viva a chama do matrimonio co seu marido, Joe Castleman. Joan chega ao seu límite, e en vésperas da entrega do Premio Nobel de Literatura a Joe decide desvelar o seu segredo mellor gardado. 

Poderase ver o 10 de marzo en Lugo

Unha cuestión de xénero (Mimi Leder, 2018) é un biopic sobre a xuíza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos Ruth Bader Ginsburg, a segunda muller na historia que serviu neste alto órgano xudicial. Ginsburg foi nomeada para o alto tribunal en 1993 polo presidente Bill Clinton e cambiou o curso da historia cun singular caso sobre discriminación de xénero que abriu o camiño para a igualdade nos Tribunais.

Proxectarase o 17 de marzo en Lugo 

A favorita (Yorgos Lanthimos, 2018) é unha película ambientada a comezos do século XVIII, cando Inglaterra se atopaba en guerra contra Francia. Unha raíña debilitada, Anne (Olivia Colman) ocupa o trono, mentres que a súa amiga Lady Sarah (Rachel Weisz) é quen realmente goberna o país no seu lugar debido ao precario estado de saúde e ao carácter inestable da monarca. Cando a nova serventa Abigail (Emma Stone) aparece en palacio, o seu encanto seduce a Sarah, quen a axuda. Como a política ocupa a meirande parte do tempo de Sarah, Abigail comeza a acompañar con máis frecuencia á raíña. 

Poderase ver  o 24 de marzo en Lugo