cinerxias-lugo
«Cinerxias» é unha aposta polos novos creadores e creadoras do audiovisual lucense
Este luns 18 de marzo ás 22:00, presentase nunha sesión festiva nos  Codex Cinema
Proxección de curtametraxes, tráilers de longametraxes e documentais e un proxecto dunha webserie, presentando as pezas polos creadorescreadoras de Lugo. Na celebración posterior, que será nos propios cines, o público poderá intercambiar impresións cos equipos das producións. 

Marzo 2019 Hai unha frase da película «Almost Famous» que vive na miña cabeza: «Está pasando e estou aquí». Frase que fala desa sensación de vivir en primeira fila o nacemento e crecemento dun movemento cultural ou movida artística. 

Penny Lane, a protagonista do filme o decía porque estaba a vivir día e noite o ascenso dunha banda de rock and roll aos olimpos da música durante unha xira. Era o sitio onde había que estar. Daba igual todo ao que renunciases e as consecuencias. A «x», o sitio marcado, o lugar adecuado no momento adecuado era ese.

Esa misma sensación a tiven cando fun invitado a asistir a unha sesión de Cinerxias (antes privadas, en fase experimental). «ESTÁ PASANDO E ESTOU AQUÍ». Esa emoción, xa non só sensación, impactou no meu peito durante esa noite de proxección de pezas audiovisuais e charlas cos creadores e creadoras de Lugo. Maxia. Máxico. 

Agora o mundo ten a oportunidade de vivir as «Cinerxias», xa que presentase ao público o  próximo luns 18 de marzo ás 22:00 horas nos Codex Cinema. A presentación consistirá nunha sesión con carácter festivo na que se proxectarán traballos do colectivo (curtametraxes, tráilers de longametraxes e documentais e un proxecto dunha webserie)  Durante toda a sesión se manterá a conexión co público e na celebración posterior, que será nos propios cines, público e creadores poderán intercambiar impresións. Os traballos que se proxectarán son:

– Nena: Dina (Andrés Goteira e Suso López)

– Maullidos de látex (Brian Rodríguez), 

– os avances de Iago de Sant na súa proposta de cinema impromersivo,

– o teaser da longametraxe «Eternia» de Fernando Losada

– o tráiler dun proxecto documental de Brais García sobre o equipo de fútbol gaélico Os Torques, ademáis dunhas cantas proxeccións sorpresa. 

A grella final aparecerá ao longo da fin de semana no Facebook de Cinerxias.

Ao mellor non chegas a esa sensación de «está pasando e estou aquí»…ao mellor sí, o que é seguro é que merece a pena a experiencia cinérxica. 

Cinerxias

Cinerxias naceu en agosto de 2017.

Dende esa data un grupo de amigos, cineastas, artistas e amantes do arte (sobre 40 persoas agora mesmo) reúnense periódicamente para presentar os seus proxectos cinematográficos e falar sobre cine.

Estas reunións son unha especie de pulo para que os proxectos medren de maneira constante. 

Os coordinadores do proxecto son Iago de Sant (creador da produtora Microsoños) e Brian Rodríguez (creador de Casaveteiro Films, membro de Microefectos Dramatúrxicos).

Entre os membros de Cinerxias atopamos a:

  • Andrés Goteira e Suso López artífices de Dhogs (filme galardoado con trece premios Mestre Mateo)
  • Daniel Díaz da produtora 60 Ráfagas (cuxa última publicidade Dónde empieza tu piel foi candidata aos Mestre Mateo)
  • creadores novos coma Clara Coira, Alba Sotelo, Iván Mouronte ou Fernando Losada quen artella unha longametraxe (Eternia)
  • creadores emerxentes no audiovisual pero vencellados dende fai anos ao ámbito cultural lucense dende outras artes ou o activismo social (coma Brais García, Félix Brixel ou Antón García Agrelo)
  • artistas consolidados coma Iago Eireos (Espacio L.U.P.A.)
  • actrices coma Conchi Madrina (Microefectos Dramatúrxicos) ou
  • persoas cun perfil audiovisual máis técnico e que teñen ganas de empaparse de ideas cinematográficas novas e máis libres.