22/11/2018. Os novos cinemas Codex situados na praza Viana do Castelo de Lugo abrirán pronto as súas portas. Falta pechar os últimos detalles para que os proxectores comecen a funcionar para ofrecer un xénero de películas que ata agora eran a excepción en Lugo. Ademais de recuperar algunhas estreas recentes que moitos espectadores da cidade resignábanse a non poder ver nunha sala de cinema e de facer estreas semanais dos filmes máis reputados nos festivais internacionais, no Codex Cinema apostan por unha programación de cine español e galego independente, aquel que nunca recebe a atención dos medios de comunicación e que non conta co pulo das televisións privadas. Deste xeito, o filme que vai a abrir os cinemas é a estrea dun dos debuts máis apaixonantes do cinema español recente: Con el viento, da directora catalana Meritxell Colell.
Este filme sobre mulleres feito por mulleres conta unha íntima historia de fractura xeracional. Un drama familiar de conflitos nunca resoltos, apenas nomeados, que reflicte nun presente terrible, marcado por unhas personaxes que non saben xa moi ben como expresarse. Esta traxedia interior ofrécese ao espectador a través da descrición minuciosa dos corpos das intérpretes fronte a paisaxe, da ollada minuciosa da cámara polas dobras dos seus rostros, pola fixación coa que filma as mans acariciando outros corpos, recoñecendo outros obxectos. Un filme moi especial, esixente si, mais por enriba de todo conmovedor.
«El frío, el viento, el silencio, las estaciones. Todo eso se siente en la ópera prima de Meritxell Colell, más que un retrato de un paisaje rural, un homenaje y una estancia en él. (…) Puntuación: ★★★★ (sobre 5)»
Andrea G. Bermejo: Cinemanía
«Estimulante debut (…) Colell Aparicio reclama, con humildad y sensibilidad, la herencia de cineastas orientales como YasujiroOzu, Hou Hsiao-hsien o Naomi Kawase (…) Puntuación: ★★★★ (sobre 5)»
Manu Yáñez: Fotogramas
O exemplo de Numax
Según palabras dos responsables de Codex Cinema: «A ilusión que nos fai estrear un título desta categoría, dos que poucas veces chegan a Lugo, vai parello a satisfacción de que sexa unha estrea española ao cargo de Numax Distribución, a cooperativa galega que ten en Compostela a súa base de operacións. Numax botou a andar no ano 2015 como sala de cinema, libraría e laboratorio (deseño gráfico e produción audiovisual), un lugar necesario nunha cidade que reclamaba un espazo destas características. Hoxe en día, esta pequena sala situado no centro de Compostela, é un lugar de encontro cultural, que abrangue todas as manifestacións artísticas e que gañou grande reputación a nivel estatal e internacional. O grande cineasta portugués Pedro Costa chegou a dicir que era a mellor sala de cinema do mundo.»
A sala Numax é un exemplo para as novas salas de cinema independente, un espello no que mirarse. Unha das súas ramificacións consiste na distribución cinematográfica. Grazas ao seu traballo e dedicación, cineastas de grande importancia internacional, estreados marxinalmente ou directamente descartados pola distribución española, como Rita Azevedo Gomes, Nobuhiro Suwa ou Pedro Costa proxectáronse con regularidade nas salas españolas e galegas (O león dorme esta noite, de Suwa, programouse hai uns días no Vicerreitorado grazas ao Cineclube Valle Inclán). Mimosas, último filme do cineasta galego de maior proxección internacional, Óliver Laxe (de orixes lucenses), tamén foi unha estrea de Numax. Todos os filmes distribuídos por Numax chegaron tarde a Lugo e non nas mellores condicións. Con el viento será o primeiro dos seus filmes que conte cunha premiere na nosa cidade. Colaborar cos axentes culturais máis activos e interesantes do país é outro dos compromisos que teñen en Codex. Falar e fomentar o cinema que se fai en Galicia, pero tamén axudar e valorar o traballo de todos aqueles que fan posible a existencia do cinema en Galicia.