Un dos grandes obxectivos de Codex Cinema é achegar aos espectadores lucenses os filmes doutras latitudes e culturas, expandir a nosa mirada e a nosa percepción do que é o cinema. O mellor cinema que se fai no mundo como contrapeso aos grandes xigantes da industria. Poucas películas responden tanto a este propósito como Que vemos cando miramos ao ceo?, de Alexandre Koberidze.

Este filme alemán, pero rodado en Xeorxia, estreouse no festival de Berlín, onde foi unha sensación entre o público e a crítica. Nese certame gañou o premio que outorga a crítica internacional e comezou unha viaxe extraordinaria e exitosa polos máis grandes festivais internacionais: Chicago, Gante, Tokio, Sao Paulo, Buenos Aires, ademais de Donostia (onde foi elixida pola crítica como unha das mellores películas do ano) e Sevilla, onde gañou o premio á mellor fotografía.

Na súa segunda película como director, Koberidze crea un gran fresco sobre o seu país a través dunha historia de amor imposible entre dous descoñecidos que se coñecen por azar e viven unha odisea para reencontrarse. A pesar das súas intencións poéticas, o cineasta ofrece unha divertida e agradable mirada sobre a vida cotiá dos seus personaxes e do seu país. 

Unha das mellores propostas desta tempada segundo agregadores de críticas profesionais como Rotten Tomatoes, FilmAffinity ou Metascore.

 

Un dos protagonistas máis insólitos deste marabilloso filme é o fútbol. «Despois de que Leo Messi perdera a final do mundial de 2014 decidín que na miña próxima película gañaría» comentaba o cineasta nunha entrevista de La Vanguardia. «El ritmo es lo principal, veía jugar mucho a Leo Messi, tiene la capacidad de encontrar un ritmo que es imposible de experimentar para otros, en algún nivel el cine está haciendo lo mismo: encontrar y
compartir algunos ritmos ocultos»
. Esta reflexión fala tamén sobre o propio estilo deste cineasta tan particular e da orixe popular do seu cinema.

Que vemos cando miramos ao ceo? rescata a inocencia e a pureza do cinema primitivo, do cinema silente nos seus xogos de miradas e no seu silencio. Na súa capacidade de sedución e nos seus retratos formidables deses dous protagonistas destinados a amarse. Obra de desbordante realismo máxico, impregnada de romanticismo, literatura, sons da natureza e, por suposto, fútbol, este filme de Alexandre Koberidze chega a Lugo para converterse nunha obra fundamental do cinema contemporáneo.

Estamos ante un filme que é case como un conto de fadas moderno, sobre as dificultades de comunicación no noso mundo ao tempo que sobre o desexo de amar e de ser amado.