Codex Cinema regresa coa súa programación habitual e con dúas importantes novidades: o prezo da entrada sofre unha redución logo da suba producida a finais de marzo, e durante a segunda semana de setembro recuperaranse as proxeccións dos xoves.
A primeira estrea da semana nos Codex é Tres mil anos agardando por ti, o agardado retorno á dirección do australiano George Miller logo de conquistar en 2015 o corazón de crítica e público con Mad Max: Fury Road.
O novo filme foi presentado no pasado Festival de Cannes e conta cun reparto encabezado polos británicos Tilda Swinton e Idris Elba.
O filme é unha adaptación dun relato curto de A.S. Byatt titulado The Djinn in the Nightingale’s Eye publicado en 1994. O texto cautivou a Miller porque, nas súas propias palabras, “o relato propón moitos dos misterios e paradoxos da vida dunha maneira moi concisa. Pareceume un conto único e
diferente. Hai historias dentro destas historias, un pouco coma en As mil e unha noites”.
Miller escribiu o guión xunto a Augusta Gore ao longo de varios anos mentres avanzaba noutros proxectos.
Trátase dun filme que combina acción, aventura e épica histórica, dilúe a barreira entre o real e a fantasía e aposta por unha estética profundamenta visual.
George Miller (1945) é un director que sempre combinou con moita personalidade un discurso cinematográfico complexo coa accesibilidade comercial, é o creador da célebre saga de Mad Max e tamén dirixiu As meigas de Eastwick (1987), O aceite da vida (1992), Babe, o porquiño na cidade (1998) e as dúas partes de Hapy Feet (2006 e 2011).
FIRE OF LOVE
A outra estrea da semana é Fire of Love, filme da documentalista estadounidense Sara Dosa que conta a historia da parella conformada por Katia e Maurice Krafft, vulcanólogos moi célebres nos anos setenta, que asumiron moitos riscos para achegarse aos volcáns e rexistrar imaxes en cine e fotografía que resultaron ser moi innovadoras no seu tempo.
Dosa sinala que “non se trata soamente dunha relación entre Maurice e Katia; tratábase case dun triángulo amoroso entre eles dous e os volcáns […] Iso levoume a indagar sobre moitas outras cousas: a relación humana coa natureza, a creación, a destrución, o amor e o sentido da vida”.
Facerse cun arquivo de vídeo de máis de 200 horas foi unha tarefa complicada para o equipo de Dosa, pois estaba en mans da empresa francesa Image’Est quen asumiu a súa dixitalización.
A directora apostou por non incluír entrevistas contemporáneas, practicamente case todo o material do filme é de arquivo sendo o fío transversal unha narración que conta coa voz da célebre artista multidisciplinar Miranda July.
Sara Dosa é autora de documentais todos eles premiados en festivais: The Last Season (2014) e The Seer and the Unseen (2019). Fire of Love gañou ó premio á Mellor montaxe documental no Festival de Sundance deste ano e percorreu unha vintena de festivais.