Máis de 70 creadores no Findecurta 2021. Unha sesión telemática, conducida polo coordinador da sexta edición do certame artístico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, Bruno Maez, abriu este venres un certame orientado a idear, filmar e producir unha curtametraxe en 82 horas.

Nova edición do maratón ‘Findecurta’ do Lugo Cultural esta fin de semana en Lugo. O coordinador deste maratón de cinema, Bruno Maez, e a encargada da oficina de Cultura da USC no Campus de Lugo, Paloma Lugilde, aproveitaron a sesión informativa do venres para explicar aos máis de 70 participantes a temática, o xénero e algún dos elementos estruturais que deben incluír as súas respectivas creacións.

A partir de aquí, pouco máis de 80 horas para idear e producir as súas respectivas curtametraxes, propostas que deberán enviar antes das 10.30 horas do 8 de xuño ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es 

Unha vez finalizada a maratón audiovisual e tras recibir todas as propostas presentadas a concurso, o xurado analizará e avaliará todas as curtas, que se proxectarán ao público o 6 de xullo nunha gala que se celebrará, a partir das 20.30 horas, no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo.

PREMIOS

A entrega dos galardóns ás dúas mellores propostas desenvolverase ao remate da gala, cando o xurado do VI Findecurta emitirá o seu fallo e dará a coñecer a cinta gañadora, cuxos autores recibirán como premio unha gratificación en metálico de 500 euros, ademais da posibilidade de participar coa súa curtametraxe na 43ª Semana de Cine de Autor de Lugo, na que competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.

Asemade, os autores da curta máis valorada polo público presente na sala tamén recibirán como agasallo a posibilidade de presentar e competir polo premio do público na próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.