O lucense Berio Molina gaña o XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo de apoio á creación artística que leva a cabo a Deputación da Coruña e en homenaxe ao gran creador polifacético cuxo nome suxire a creatividade e a contemporaneidade galega.
O xurado, composto por Natividad González, deputada de Cultura, Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Elena Bangueses, Xosé Manuel Buxán, Ánxela Caramés, María Dolores Dopico e Manuel Ignacio Martínez, escolleu por unanimidade a obra do artista lucense (Fonsagrada, 1979) de entre as finalistas, que foran seleccionadas do total das presentadas a esta nova edición do certame de arte.
Trátase dunha peza en vídeo na que se investiga sobre a linguaxe e os problemas de comunicación no mundo actual, introducíndose nos procesos de aprendizaxe da linguaxe e da incapacidade da sociedade para dar cabida ás formas de comunicación que se sitúan fóra do normativizado.
O tribunal destacou o traballo dun «creador único no panorama galego e tamén do estado español» e salientou a súa «coherencia, singularidade e capacidade de adaptación» á hora de traballar en diferentes contextos e procesos. Mostra disto é a súa implicación en numerosos colectivos e grupos, así como as múltiples colaboracións que realizou con artistas de distintos campos.
««erre melón» vén de gañar o Premio Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña e estou moi contento.
Gracias a Cleopatra, Sara Iglesias e Daniel Ramos que o fixeron xenial diante da cámara.
Tamén a Leticia Eirín @_susana_glez das Residencias FMJJ Fundación María José Jove e Normal , por darnos o apoio e os recursos para facer a peza.
A Claudio Felix por botarnos unha man aí detrás da cámara.
A Anxos Fazáns e Silvia Fuentes de Sétima por darlle continuidade ao proxecto.
E aos membros do xurado.» Berio Molina