![maria-luz-morales maria-luz-morales](https://vivalugo.es/wp-content/uploads/2018/06/maria-luz-morales.jpg)
Os premios, organizados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas, promoven a investigación científica no ámbito audiovisual Os traballos premiados nesta edición foron os de Lucía Estévez, Marcos Nine, Fernando Redondo e Denisse Lozano (que xa gañara na primeira edición) e o traballo de Éire García Cid, Brais Romero e Sabela Rei, que recibiron cadanseu accésit
Xuño 2018 O audiovisual galego e a muller, o uso do nu feminino e o cinema, o rescate dun filme galego singular e único, a dor e a melancolía de Dublineses e La La Land, o cinema da emigración no Novo Cinema Galego, o rol das mulleres no cinema internacional e a crise son as temáticas dos ensaios e videoensaios premiados nesta edición duns premios imprescindibles para a nosa cultura.
![muller muller](https://vivalugo.es/wp-content/uploads/2018/06/muller.jpg)
Premiados
Lucía Estévez (Vigo, 1994) gañou o premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Galego con Muller Personaxe, no que se serve dunha entrevista coa súa nai para fiar unha reflexión sobre o rostro feminino na pantalla galega. O xurado destaca a orixinalidade e o arriscado da proposta deste videoensaio, que combina unha posición cultural autoconsciente coa imaxe da muller no audiovisual galego. Tamén valora a imbricación do persoal cos rostros femininos da ficción galega actual, nun esforzo por analizar a través das imaxes o papel da muller en todo tipo de formatos do noso audiovisual.
Denisse Lozano (Vilalba, 1991) fíxose -por segundo ano consecutivo- co premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional con Núas. Evolución da estética e o significado no nú feminino, no que aborda o uso do nu feminino mergullándose na súa orixe e evolución, dende os inicios do cinema ata os nosos días. Así mesmo, pretende reflexionar sobre unha tendencia actual a romper cos antigos estereotipos e formas, reivindicando o empoderamento da muller a través da exhibición do seu corpo espido. O xurado destaca o interese histórico deste videoensaio e a habilidade á hora de recuperar imaxes dende os inicios do cinema, confrontándoas co seu contexto histórico. Tamén valora unha factura visual excelente e a precision na escolla e na montaxe dos planos, así como a elección dunha temática que se une ao cuestionamento do papel da muller no cinema, que este ano 2018 foi un elemento crítico importante no ámbito cinematográfico.
![nuas nuas](https://vivalugo.es/wp-content/uploads/2018/06/nuas.jpg)
Marcos Nine (Illa de Arousa, 1977) conquistou o premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego con A Película de Autos, que repasa un dos filmes máis singulares do cinema galego non só polo seu contido senon moi especialmente pola súa historia, Al nasr altair. O filme foi obxeto de xuizo durante o franquismo e a sentencia que xurdiu dese xuizo é única en Galicia. O xurado destaca a calidade e a orixinalidade da proposta ensaística, cun relato no que as imaxes xogan un papel principal, ideal para a súa lectura en rede. O xurado tamén valora o rescate da historia dun filme moi pouco coñecido e da figura de José Ernesto Díaz-Noriega, un cineasta amador que foi escola para moitos autores actuais.
Fernando Redondo (Ames, 1971) gañou o premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional con Latexos de Saudade no Cinema, que propón unha análise de senllos filmes moi diferentes entre si, Dublineses (John Huston, 1987) e A cidade das estrelas. La La Land (Damien Chazelle, 2016), pero que comparten unha mesma expresión cinematográfica da saudade. O xurado destaca a calidade da escrita e o rigor análitico sobre a posta en escena e da banda de son de dúas películas tan dispares -cronolóxica e estilisticamente- como fondamente vinculadas pola dor e a melancolía. Cabe sinalar tamén a capacidade do autor para poñer en contacto o seu discurso con cuestións artísticas e filosóficas que van máis alá do cine, partindo para iso, ademáis, de importantes referencias da cultura galega.
O xurado desta segunda edición dos Premios María Luz Morales quixo recoñecer, tamén, con tres accésit o labor doutras dúas investigadoras e máis dun investigador galegos nacidos despois dos noventa.
Brais Romero (Ferrol, 1990) -ao igual que xa fixera o ano pasado- un accésit ao premio ao mellor Ensaio Escrito Audiovisual Galego por De Vikingland a Ingen Ko Pa Isen: análise dunha correspondencia involuntaria. O xurado salientou «o rigor e a calidade á hora de comparar de xeito moi preciso e completo dúas películas do Novo Cinema Galego que comparten unha ollada contemporánea sobre un tema clave na nosa cinematografía como é o cinema da emigración«.
Éire García (Nigrán, 1991) non puido recoller esta tarde o accésit ao premio ao mellor Videoensaio do Audiovisual Internacional por Para as interesadas nas películas de mulleres, no que o xurado destaca que «brinda a oportunidade de analizar a crítica cinematográfica dende un punto de vista de xénero, cunha aposta visual subxectiva e suxerente sobre o rol das mulleres na cinematografía internacional».
Tampouco recolleu o seu accésit ao premio a mellor Ensaio Escrito Audiovisual Internacional a coruñesa afincada en Londres Sabela Rei (1994). Co seu Rostros do cinema europeo, unha aproximación á representación da crise conseguiu, en opinión do xurado, «extraer un rechamante rendemento significante da análise dos rostros dos actores-actrices/personaxes (a partir dos presupostos teóricos establecidos no seu día, entre outros, por Jacques Aumont o Pascal Bonitzer) nalgunhas destacadas películas centradas no impacto da durísima crise económica que aínda nos afecta».
![deputacion-premios-maria-luz-morales deputacion-premios-maria-luz-morales](https://vivalugo.es/wp-content/uploads/2018/06/deputacion-premios-maria-luz-morales.jpg)
No acto de entrega de premios participaron a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti SanMartin, o deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Manuel Doval, o deputado de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación de Pontevedra; Xosé Leal. Ademais do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, a xornalista e editora María Yáñez, en representación do xurado -do que tamén formaron parte Luís Castro de Paz (profesor da UDC) e Marta Pérez Pereiro (profesora da USC).
Premios María Luz Morales
Esta escritora e xornalista (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980), especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX. Mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.