Dúas estreas este venres 25 de xaneiro que responden ao cine de xénero de maior relevancia comercial: o impresionante filme de aventuras Ötzi O home do xeo e a intriga The Guilty.
Dous filmes que teñen como referentes moitos clásicos do cinema americano, pero feitos desde Europa, cunha óptica particular e sen caer na banalidade do cinema comercial actual, que vende produtos prefabricados inchados con publicidade abusiva.
Ademáis: pase especial da curtametraxe galega «Feminazi» coa presenza da propia cineasta que fará un coloquio co público ao finalizar a curta.
Ötzi
The Guilty

Xaneiro 2019 O Codex Cinema segue apostando polo cinema de calidade e desta volta con filmes máis «comerciais» pero dentro desa liña de cine de autor que caracteriza a súa programación.

No caso de Ötzi, esta odisea dun home da Idade de Pedra na busca de vinganza pode recordar, grazas as súas impresionantes paisaxes e a construción dun mundo a medio camiño entre a historia e a fantasía a O señor dos aneis ou a máis recente O renacido. Filmes marcados por unha visión xigantesca da natureza, pola acción continua e pola maxia dun mundo por descubrir.

A historia de Ötzi está baseada no famoso home de xeo descuberto no ano 1991 nos Alpes de Ötzal. Unha descuberta arqueolóxica fundamental para entender como vivía a humanidade no pasado. Sobre Ötzi (o nome que lle puxeron a esta reliquia arqueolóxica) escribiuse e fabulouse moito, e o filme que chega o venres a Lugo constrúese desde a imaxinación do director, pero tamén tendo en conta todo o traballo arqueolóxico dos últimos vinte e cinco anos.

Respecto a The Guilty estamos ante un thriller filmado de forma primorosa, cunha atención ao detalle e un control sobre o suspense que hai moito tempo que non atopábamos, nun xénero que ultimamente aposta máis pola espectacularidade e as escenas de accións que polo desenvolvemento das personaxes e da intriga. O filme do danés Gustav Möller foi un éxito de público no seu país e conseguiu o recoñecemento crítico alí onde tivo estrea.

Pase especial de Feminazi

Esta curta de Diana López que xa camiñou moito polos festivais galegos será proxectada en Lugo o próximo sábado 26 as 20:00 con entrada libre ata encher o aforo (140 butacas). O acto contará coa presenza da propia cineasta que fará un coloquio co público ao finalizar a curta.

feminazi