Sarria acolle a 4ª edición da Escolma de cinema galego os días 22 e 23 de febreiro
Un obradoiro de creación audiovisual para a rapazada da vila completará a proxección de fitas e ás conversas con cineastas

Xaneiro  2019.

 A Escolma de Cinema Galego en Sarria chega á súa cuarta edición os días 22 e 23 de febreiro, convertida nunha referencia cultural da provincia. 

Á proxección de fitas e ás conversas con cineastas de recoñecemento e prestixio dentro e fóra da nosa xeografía, sumarase nesta ocasión un obradoiro de creación audiovisual que permitirá á rapazada da vila crear as súas propias pezas, que se exihibirán na Escolma.

A cita, que naceu co obxectivo de visibilizar a creación audiovisual contemporánea ao tempo que diversifica a amplía a actividade cutural de Sarria, conquistou dende a súa primeira edición ao público dun concello que, a pesar de ter unha poboación media e de contar ao longo da súa historia con ata media ducia de salas de proxección, na actualidade carece de cine.

Dentro dun mes Sarria converterase, así, de novo no epicentro do cinema galego, cunha Casa da Cultura ateigada de público. A Escolma está organizada pola Concellaría de Cultura da vila, sen apoio doutras institucións.

Escolma de Cinema Galego en Sarria