A sétima edición do certame cinematográfico en lingua galega Findecurta, promovido polo Espazo de Cine da Área de Cultura da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural, bota a andar este venres, ás 19.30 horas, na Casa do Saber de Lugo, cun centenar de participantes, distribuídos en nove equipos. 

As persoas inscritas nesta iniciativa a prol da creación cinematográfica dotada cun premio en metálico de 400 euros para a proposta gañadora poden remitir as súas respectivas curtas antes ao enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es ata as 10.30 horas do martes 26 de abril.

O coordinador do VII Findecurta, Bruno Máez, aproveitará o encontro programado con representantes de cada un dos grupos inscritos no certame cinematográfico para explicar ás persoas participantes os retos que deben cumprir as súas propostas audiovisuais, así como as características técnicas das curtas presentadas a concurso. 

Os concursantes, agrupados en equipos ou de forma individual, disporán de máis de 80 horas para elaborar as súas respectivas curtametraxes.

Os autores da curta máis valorada polos membros do xurado recibirán unha gratificación en metálico de 400 euros, ademais da posibilidade de competir coa súa creación na próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo. 

A segunda curta mellor valorada tamén poderá optar ao premio do público á mellor curtametraxe galega no marco da Semana de Cine de Autor de Lugo. 

O fallo dos premios farase público o 6 de maio no marco dunha sesión pública durante a que se proxectarán todas as curtas presentadas a concurso.