- Este evento ha pasado.
Inauguración da exposición “Xogar, aprender e divertirse»

Inauguración da exposición “Xogar, aprender e divertirse. Os xoguetes de José Luis Basanta Campos”
11 de decembro de 2025 ás 19:00 horas no Museo Provincial de Lugo
Dende o 11/12/2025 ata o 25/02/2026
O Museo Provincial de Lugo (MPL) presenta unha nova exposición temporal, enmarcada no seu programa de “Coleccionismo e museos”, co obxectivo de difundir os fondos que alberga.
A mostra exhibe a colección de xoguetes doada polo fonsagradino Xosé Lois Basanta Campos (1924-2016), ofrecéndonos unha viaxe no tempo que comeza na década de 1920 que nos axuda a comprender a evolución dos xoguetes, das modas, dos avances tecnolóxicos e dos cambios sociais.
Durante a infancia de Basanta, a principios do século XX, o mundo do xoguete experimentou unha profunda transformación.
Moitos obxectos que antes se fabricaban artesanalmente comezaron a producirse en serie, facilitando o seu acceso a máis nenos e reflectindo o impacto da industrialización na vida cotiá infantil. Isto fixo os xoguetes máis accesibles e incorporou novos mecanismos para o movemento.
Despois da Segunda Guerra Mundial, a partir dos anos 40, a produción de xoguetes experimentou un auxe, fabricándose exemplares máis elaborados con multitude de accesorios.
Ademais de ser máis duradeiros e accesibles —en parte pola substitución dalgúns materiais polo plástico—, tamén promovían a aprendizaxe do neno/a.
Os xoguetes da colección do MPL, cos seus deseños en papel, madeira, metal ou plástico, evidencian estas innovacións e a súa influencia no desenvolvemento cultural e na educación. Contrastan cos xogos populares da época, que formaban parte da vida cotiá e estaban elaborados con materiais moi accesibles.
Ademais de documentar a historia do xoguete, a exposición tamén pon en valor a doazón de Xosé Lois Basanta e destaca o papel dos particulares na conservación e incremento do patrimonio colectivo. Así, garante que as futuras xeracións poidan coñecer e entender a infancia de épocas pasadas.
Con esta mostra, o MPL non só exhibe obxectos lúdicos, senón que tamén invita á reflexión sobre o valor do coleccionismo e a preservación da memoria colectiva a través de obxectos tan cotiáns como os xoguetes.
Neste caso, ademais, quere promoverse a importancia das coleccións privadas e recoñecer a súa relevancia como unha forma de conservar e fomentar o interese pola preservación do noso patrimonio, destacando o papel dos doantes particulares no incremento dos fondos do museo.





























