O vindeiro domingo 17 de marzo, continuando co programa que leva por nome
“As montañas gardiás da nosa historia”, ADEGA-Lugo organiza un roteiro polas turbeiras do Xistral.
O percorrido é lineal duns 11 Km e dificultade media, e teremos o privilexio de contar con Xabier Pontevedra Pombal, e Rafael Carballeira, expertos coñecedores das turbeiras.
O autobús deixaranos no alto de Chao do Lamoso, camiñaremos o cordal central da Serra do Xistral onde se desenvolve o núcleo principal das turbeiras de cobertor.
A disposición da serra permitirá observar cara o oeste ata a depresión de As Pontes, cara o este ata a costa cantábrica, cara o sur a depresión da Terra Chá e cara o norte a costa de Viveiro.
Poderemos ver usos e abusos do territorio e os dous grandes dominios litolóxicos e as súas paisaxes asociadas. Despois baixaremos polo val do río Pedrido e poderemos falar sobre
regulación hídrica e impactos, así como das paisaxes glaciares do Xistral.
Visitaremos unha turbeira elevada e remataremos en Veiga do Tremoal, unha turbeira minerotrófica de alveolo granítico mesturada conqueirogal húmido atlántico, onde tamén poderemos debater sobre impactos vellos e novos. Neste punto recolleranos o autobús para o regreso.
As condicións meteorolóxicas do Xistral son algo impredecibles así que, en caso necesario, axustarase a actividade.
O autobús sairá ás 9h dende Lugo, e estará de volta ás 19h (o horario de regreso pode variar).
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.
•Prezo xeral: 22€
•Socios/as de ADEGA: 15€
•Estudantes ou en paro: 17€
•ata 14 anos: 6€.
O prezo inclúe o autobús e seguro de accidentes.
Para participar é necesario inscribirse antes do venres 15 ás 13h a través do formulario de reserva da bitácora
dos roteiros (https://roteirosadegalugo.wordpress.com/) ou chamando ao 982240299.