Teatro no Escenario Hipócrita
As últimas funcións que o Circuíto Galego de Teatro Amador, promovido pola FEGATEA, trae ao Escenario Hipócrita, terán lugar esta fin de semana.
O venres, ás 20:30h, a compañía O Aturuxo de Melpómene porá en escena A pena do cu do mundo, unha peza que a propia compañía define como “zorzuela galega”.
Trátase dunha comedia musical, dirixida por Leandro Lamas, na que unha peculiar familia que habita unha aldea no cu do mundo ve alterada a harmonía das súas vidas ao encontrarse entre a ameaza da nova concelleira que proxecta construír un parque temático sobre a aldea e o asentamento dunha tribu okupa que anda á procura da utopía desde a súa posición revolu-cionaria.
O sábado, á mesma hora, subirá a escena Teatro do Ar para representar Chao, unha peza en homenaxe ás mulleres do rural, ás nosas avoas e ás palabras que se perden nos seus silencios. Un drama dirixido por Pedro Rodríguez, dramaturgo e director deste grupo de mozas e mozos que aposta polo teatro social.
Pechará o Circuíto o grupo anfitrión, Hipócrita Teatro, o domingo ás 19:30h. coa obra Arte, de Yasmina Reza, dirixida por José Campanari. Arte é unha comedia aceda sobre as relacións de amizade.
Todas as obras están dirixidas a público adulto e a entrada custa 3€.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte