Nova acción dentro do Culturban que promoven a área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua e Espazo Lupa Arte: a mostra «Arte de Portas Abertas» na que 17 artistas abrirán as portas dos seus obradoiros e 6 máis contarán cun espazo no Vello Cárcere. Ademais, organizaranse visitas guiadas con Guido Guía polos distintos obradoiros.

Maite Ferreiro, concelleira de e Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, explicou que “queremos achegar o traballo artístico das creadoras e creadores lucenses abrindo os seus obradoiros para que toda a veciñanza poida ver as distintas etapas do proceso creativo e coñecer de primeira man o estilo de cada unha das artistas locais que colaboran nesta iniciativa”.

A mostra «Arte de Portas Abertas» será os días 20, 21, 27 e 28 de novembro entre as 16 e as 20 horas. Recoméndase concertar as visitas de xeito telefónico con cada un dos obradoiros para facilitar o cumprimento das cabidas de cada instalación.

ARTISTAS PARTICIPANTES

Na mostra participan Isabel Somoza (gravado), INPE (deseño téxtil), Alfredo Bongianni (fotografía), UVE (deseño de interiores), Dinámica Estudio (plástica), Joaquín García Gesto (pintura), Gema López Estudio de Arte (pintura), Miguel Anxo Macía (pintura), Xoan Vila (Escultura), Andrés Haensel Haenselus (mix media e audiovisuais), Iago Eireos (pintura e fotografía), Ceniza de Papel (cerámica), Elena Belgrano EduCoHabitar (arquitectura e mix media), Festigaleiros (mix media e audiovisual), Cris Bamio (pintura e fotografía), T de Tete (deseño téxtil) e Juan Pablo Mastroiani (pintura).

ARTISTAS EN O VELLO CÁRCERE

Durante os 4 días da mostra, 6 artistas contarán cun espazo no Vello Cárcere. Serán Luz Darriba (multidisciplinar), Juan Lomarti (pintura e escultura), Ana Cabanes Fontao (pintura e escultura), Carmen Porteiro (fotografía), Ignacio López (pintura) e Alexandra Pardo Argalleira (mix media e instalación)

 

PASEOS CON GUIDO GUÍA

Durante a mostra a área de Cultura organiza 4 paseos co guía turístico Guido Álvarez. Terán prazas limitadas por orde de inscrición previa no correo vellocarcere@lugo.gal ou no teléfono 982 297 195.

  • Sábado 20 de 19 a 21h – saída desde a Fonte do Rei (escultura de Antonio Gandoi)
  • Domingo 21 de 16 a 20h – saída desde o Vello Cárcere
  • Sábado 27 de 16 a 20h – saída desde o CEI Nodus
  • Domingo 28 de 16 a 20h – saída desde o Vello Cárcere