O martes, 19 de decembro, tivo lugar a inauguración da mostra expositiva Luz entre as cinzas, de Adra Pallón, a través dunha charla no Museo Provincial de Lugo.
O fotógrafo lucense presentou o seu traballo fotográfico documental realizado durante os últimos cinco anos e falou sobre o medio fotográfico e a relación deste coa sociedade actual.
Deste modo quedou inagurada a mostra expositiva que se atopa presente en todos os museos da Rede Museística Provincial de Lugo dende ese día ata o próximo 1 de marzo de 2024.
En Intrahistorias. Luz entre as cinzas Adra Pallón mostranos imaxes capturadas ao longo dos últimos cinco anos, testemuñas da vida cotiá, do territorio, do ritual, da loita, do berro e tamén do silencio.
Un percorrido fotográfico que entrelaza diversas historias e temáticas contemporáneas: os incendios forestais que queiman a nosa esencia, a loita valente dos obreiros fronte á desindustrialización que agocha sombras no horizonte, o éxodo silencioso da nosa raíz rural, a crúa realidade da clase traballadora.
Un proxecto que se desprega en diferentes puntos da Rede Museística provincial de Lugo, eloxiando aos que pisan esta terra e o territorio que nos abraza.
Adra Pallón sobre a exposición:
Os incendios forestais son unha das maiores problemáticas existentes na actualidade. O cambio climático é unha das razóns que fai aumentar, tanto en
extensión como en virulencia, os lumes que ano tras ano atacan os nosos montes.
Este innegable efecto global combínase co masivo éxodo rural do último lustro, que foi xerando un cambio na organización territorial tradicional, tanto no uso como na distribución da terra.
Segundo o EFFIS (Sistema Europeo de Información de Incendios Forestais), o ano 2022 foi identificado como o peor do século en canto a incendios forestais en Europa.
Galicia foi unha das rexións máis afectadas de toda a Unión Europea, vivindo o peor incendio forestal da súa historia recente en O Courel.
Estamos achegándonos a un panorama preocupante onde os incendios de sexta xeración son cada vez máis habituais. Estos incendios son capaces de modificar as condicións meteorolóxicas e afectar a outros incendios próximos, resultando en ocasións inaccesibles para os efectivos que traballan na súa extinción.
Adra Pallón é un premiado fotógrafo lucense con proxección internacional. Traballa para distintas axencias e medios, realiza proxectos persoais e é docente de cursos de fotografía.
Somos a axenda cultural de Lugo e o medio dixital onde enterarte de tódolos eventos culturais e de ocio da cidade: concertos, teatro, exposicións, cine, espectáculos, presentación de libros, danza…
Contacta: vivalugo@vivalugo.es
© 2018 Viva Lugo | Deseño web feito co ♡ por El cielo del norte