A exposición ‘Educación en feminino: un paseo pola historia’ permanecerá aberta na Facultade de Formación do Profesorado ata o 2 de marzo, para trasladarse dous días despois ás instalacións da Biblioteca Provincial.
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC rescata o labor desenvolvido por mulleres e colectivos femininos
a prol da educación ao longo da historia a través dunha mostra composta por 34 pósteres e paneis, nos que o alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar impartida polo profesor Francisco Xosé Candia Durán recuperan a memoria de episodios singulares da historia da educación e salientan as importantes achegas realizadas por ducias de educadoras e/ou colectivos femininos ao longo dos séculos.
A viaxe pola historia da educación que ofrece esta mostra comeza 600 anos antes de Cristo coa figura de Safo de Lesbos, á que sucede no tempo dous séculos despois Hipatía de Alexandría, dúas referentes no ámbito da educación que chamaron a atención dos futuros mestres, alumnos e alumnas ás que tamén impactou o traballo feito por Jeanne de Lestonnac a
cabalo dos seculos XVI e XVII.
Esta secuencia cronolóxica, na que o alumnado de Formación do Profesorado rescata a educadoras senlleiras de Galicia e de España, así
como doutras mulleres que dinamizaron o ensino en Europa e América, recoñece tamén a contribución feita por outras figuras máis ou menos contemporáneas, tales como Justa Freire, Josefina Adecoa e mesmo Marta Mata, ao tempo que premia o traballo que seguen a facer na actualidade Mar Romera ou Rocío Ramos-Paúl.
Nesta colección concibida como un paseo pola historia da educación en feminino, segundo subliña Candia, están incluídas educadoras como Concepción Sáiz Otero, Elisa Sánchez e Marcela García, María Barbeito, Elvira Bao Maceiras, Ángela Ruiz Robles, Enriqueta Otero, Antía Cal, Sabela Díaz Regueiro ou o colectivo de mestras e educadoras da II República, así como as orientadoras tantas veces anónimas do programa Preescolar na casa e mesmo outras mestras luguesas actuais.
Ellen Key, as irmás Rosa e Carolina Agazzi, Maria Montessori, Nadezhda Krúpskaya, Emma Goldman, Emmi Pikler, Anne Sullivan e Helen Keller, Mary McLeod Bethune, Dolores Cacuango, Helen Parkhurst, Gabriela Mistral, Olga e Lucía Conssettini, Carmen de Burgos, Rosa Sensat ou María de Maeztu completan esta escolma de homenaxe a todas as educadoras.
Esta mostra, que segundo o seu coordinador, Francisco Candia, constitúe unha proposta de aprendizaxe e servizo para o alumnado, está a disposición de calquera entidade ou institución que teña interese en acollela nas súas instalacións. A cesión é gratuíta e pode solicitarse a través do enderezo de correo electrónico francisco.candia@usc.gal