A sala de exposicións da Domus do Mitreo recolle na mostra fotográfica ‘A Danza no Tempo’ o primeiro cuarto de século de vida do Espazo
de Danza da USC. A exposición, que xa se pode visitar nas instalación do museo universitario lugués, é o resultado dunha colaboración entre a luguesa afeccionada á fotografía Chus Varela e o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera.
Logo do traballo realizado durante tres anos, período no que se tomaron as imaxes de persoas ligadas ao Espazo de Danza da USC en “lugares senlleiros, cando non emblemáticos da nosa historia como galegos e galegas”, sinala Zahera, ‘A Danza no Tempo’ contribúe a proxectar o carácter experimental e innovador do Espazo de Danza da USC, un servizo pioneiro na universidade española.
A exposición conmemorativa do primeiro século de vida do Espazo de Danza da USC é unha realidade grazas á colaboración das vicerreitorías de Igualdade, Cultura e Servizos e de Coordinación do Campus de Lugo da USC. Daquela, ‘A Danza no Tempo’ recolle imaxes de bailaríns e bailarinas que son parte da historia e artífices do crecemento deste espazo artístico universitario, ao tempo que actúan como protagonistas deste singular proxecto compartido con bailaríns profesionais, docentes e estudantes.
Coa danza como fío condutor e argumento transversal, a exposición accesible desde hoxe na sala de exposicións da Domus do Mitreo do Campus de Lugo, mestura de xeito harmónico imaxes captadas en espazos naturais como As Médulas e recantos arquitectónicos como a Igrexa da Universidade con fotografías nas que se xoga con elementos e materiais: terra, auga, lume…
Este compendio icónico serviu de alicerce para ‘A Danza no Tempo’, que achega unha selección de vinte fotografías coas que se pretende render unha particular homenaxe ao traballo desenvolvido no Espazo de Danza da USC e todas as persoas forman parte da súa traxectoria. Non están todos os que son, precisa Juan Carlos Zahera, para logo subliñar que Rosa Acuña, Vicente Ávila, Alba Barral, Sara Domingo, Daniel Lezso, Beatriz Moraes, Juan Moredo, Amparo Novas, Giovanni Peixoto, María J. Pérez, Xiana Vilas e el mesmo, son algúns dos anacos do Espazo de Danza da USC presentes nesta mostra.