ABRIL 2018 Os actos gratuitos que ten programados o Goberno da Deputación para celebrar os Días Europeos da Artesanía no CENTRAD son:
Roteiro á Colección de Instrumentos musicais
Esta cita será o sábado, día 7 de abril, dende ás 12:00 ata as 13:30 horas, e estará dirixida por persoal do CENTRAD. A colección está constituída por fondos procedentes da antiga sección de música do Museo Provincial de Lugo, fondos de produción propia froito de diferentes proxectos de investigación, adquisicións, doazóns e depósitos de particulares. Completan a colección importantes fondos documentais e bibliográficos reunidos ao longo destes anos relacionados coa materia. A tipoloxía dos seus bens abrangue instrumentos de música, tanto do patrimonio musical galego como numerosos exemplares procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas en petro de iconografía musical. Destaca a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.
Xornada sobre vestimenta e folclore
Celébrase o sábado día 7 no CENTRAD, a partir das 17:00 horas, e contará coa participación de Isidoro Rodríguez que falará sobre: “Saber o que buscamos para poder atopalo: o Traxe Tradicional Galego”, o músico Javier Feijoó “Xisco”: “A danza en Galicia”, os compoñentes de Traxandaina, Antonio Sanjurjo e Teresa Astorgano: “Recollendo hoxe”. Tamén intervirá o músico Davide Salvado: “Coplas vestidas”. Esta xornada remata cunha quenlla de preguntas, e a visita á exposición Traxandaina: o traxe aldeán de garda nas Terras de Lugo, na Capela de Santa María.
Roteiro ao traxe aldeán de garda nas terras de Lugo
Este percorrido será dirixido polos integrantes de Traxandaina o domingo, día 8 de abril, a partir das 18:00 horas. A exposición contén vinte e cinco traxes compostos de prendas orixinais e reproducións que se complementan con reproducións de ourivería compostelá e algunhas pezas singulares. + INFO sobre a expo
Toda a información sobre estas actividades gratuítas pódese consultar no seguinte teléfono 982 21 00 66, ou no correo electrónico: info.centrad@deputacionlugo.org.
A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, foi a encargada de presentar estas actividades.