O xoves 6 de xuño, as 20 horas, terá lugar a inauguración da exposición: Bacabú, Quique Bordell, Santiago Catalán, Jorge Espiral, Honorio, Xermán Refojo no Centro Cultural Marcos Valcarce
Xuño 2019 O grupo Bacabú presenta, por vez primeira en Ourense, unha coidada escolma de obras na que o público terá a oportunidade de coñecer a cinco artistas lucenses: Bordell, Santiago Catalán, Jorge Espiral, Honorio e Xermán Refojo que, cunha dilatada traxectoria, deciden fundar unha sala de Exposicións no centro de Lugo no ano 1998 e na que, ate o ano 2002, expuxo o máis representativo da arte galega contemporánea. Ao longo deses anos, estes artistas amosaron o seu traballo neste espazo, tanto de maneira individual coma colectiva, empezando deste xeito unha traxectoria como grupo marcada pola fonda amizade entre eles e baixo a denominación de Bacabú.
Bordell destaca por un estilo definido e apaixonado e chega ao mundo artístico dende o espazo do cómic e da interpretación, coa realización de performances e personaxes en diferentes películas. Participa en numerosas revistas como Atlántico ou Con todo Lugo de detalles. Instálase un tempo en Nova Iorque e volta a Lugo para desenvolver numerosos proxectos, tanto individuais coma colectivos.
Santiago Catalán é creador dunha elegante iconografía propia na que se integran as súas facetas de arquitecto, debuxante e pintor que combina dende o ano 1978. Dende esta data ten protagonizado Exposicións individuais e colectivas en lugares como a sala COAM de Madrid, o Kiosco Alfonso da Coruña, o Museo Provincial de Lugo ou o Salón internacional de outono de Xapón.
Jorge Espiral entra no mundo artístico tendo como mestre ao pintor lucense Blas Loures. Realiza a súa primeira exposición no ano 1988 na Deputación de Lugo. Dende ese momento, os seus traballos teñen viaxado a lugares como Madrid, Sevilla ou México. Tamén é salientable o seu traballo de ilustrador para diferentes publicacións e actividades como a autoría do cartel da Semana de Cine de Autor de Lugo, entre outros.
Honorio exprésase cunha escultura principalmente figurativa, procedendo a unha certa deconstrución do corpo humano. Son numerosas as sús exposicións en Galicia e Portugal, lugares aos que leva obras realizadas maioritariamente en xeso especial para escultura. Nesta exposición presenta obras da súa primeira época, en concreto da serie Bañistas, moi representativa na súa traxectoria.
Xermán Refojo, un artista figurativo coñecedor de numerosas técnicas que traslada ás súas obras, onde mistura unha visión pop da existencia cunha reflexión irónica. É tamén un artista cunha fonda traxectoria expositiva en Galicia e Portugal e na que, coincidindo cos surrealistas, o título dos seus traballos e a composición intégranse nun todo.
Ao longo destes meses de verán poderemos contemplar e gozar da obra destes cinco artistas que se definen a si mesmos como artistas que nadan a cotracorrente, apostando pola creación manual na plástica e na escultura.
Organiza e coordina a expo: Sumarte