Cecilia F. Santomé presenta nova novela en Lectocosmos
A autora vilalbesa conversará sobre «Unha rapaza de provincias», crónica emigrante

O vindeiro mércores, día 1 de decembro, ás 20:00 horas, Lectocosmos abrirá as súas portas para acoller a presentación d’Unha rapaza de provincias, de Cecilia F. Santomé.

A escritora estará acompañada por Fran Alonso, director editorial de Edicións Xerais de Galicia, e por Raquel Vila- Amado, correctora literaria.

En conversa con eles, debullará as claves da novela, concibida como un relato de iniciación e ambientada na Barcelona do ano 1979. Alí viaxa Carmen, unha moza galega de aldea, para valerlle á súa irmá na recta final do embarazo.

Da súa man, coñecerá a cara e a cruz dunha sociedade vibrante, chea de contrastes, de oportunidades… e de servidumes. Un pequeno tributo á nosa emigración interior e, sobre todo, a aquelas mulleres que un día marcharon ás grandes cidades á procura duns horizontes máis amplos.

Para asistir a este evento non será preciso reservar praza. Lémbrase que son de obrigado cumprimento as normas sanitarias vixentes en espazos interiores
(uso de máscara, mantemento da distancia social).