ABRIL 2018 Este sábado 28/04 no CENTRAD vai ser presentado o libro-disco “Terra e Alma”, de Moisés Quintas Suárez, que conta coa participación do fotógrafo lugués, e Fotógrafo Histórico de Galicia, Carlos Valcárcel. O acto, a partir das 18:00, contará coa participación dos autores, da Deputada de Cultura Pilar García Porto e do editor Pablo Quintana.
Con este primeiro volume titulado Terra e Alma, un proxecto de Moisés Quintas que conta coa colaboración de Carlos Valcárcel e o Consello da Cultura Galega, Editorial Canela inicia a nova colección “Aires da Terra”, na que pretende incluír recreacións da música popular tradicional onde, coma neste caso, os autores aporten a súa sensibilidade e o seu respecto por ela.
En Terra e Alma conxúganse dous elementos esenciais da nosa vida, perfectamente concibidos e representados por Moisés, músico e mestre de músicos, ademais de profundo coñecedor da nosa tradición musical, que nesta obra nos achega a ese ar tan coñecido, e ao mesmo tempo tan descoñecido, que é o Alalá.
Ademais, e como luxoso adobío, o fotógrafo Carlos Valcárcel aporta unha escolma de fermosas imaxes, inmortalizadas por el nas décadas dos anos 60, e 70 do século pasado, que poñen de manifesto o sentir da música escollida por Moisés. A través deses instantes pasados inseridos no papel é posible asistir á historia do pobo, a uns tempos que foron e que aínda se senten estar. Unhas imaxes nas que se revive con autenticidade e sen retoques a realidade da cultura popular tradicional, a dos oficios, os traballos, as paisaxes…
O libro vai acompañado por un CD no que se recrean os alalás, adaptados a diversos instrumentos musicais que reproducen as melodías ou as harmonías e que son acompañados de diferentes ambientes sonoros naturais cedidos para esta ocasión polo Consello da Cultura Galega.
Así mesmo, tódolos textos están traducidos ao castelán e ao inglés co obxectivo de que o noso patrimonio cultural e musical poida chegar a un maior número de lectores.