Manuel Monge documentou 48 símbolos e distincións ao franquismo en quince concellos da provincia no libro “Os restos do franquismo en Galiza”
O sociólogo presentou a publicación no Pazo de San Marcos, nun acto organizado pola área de Memoria Histórica
Un libro recolle 48 símbolos e distincións ao franquismo en Lugo

O mestre e sociólogo Manuel Monge (Valladolid, 1947) presentou no Pazo de San Marcos o libro “Os restos do franquismo en Galiza”, un inventario de símbolos, honras e distincións a persoas que participaron no golpe de Estado do 36 e nos gobernos e institucións do franquismo que se manteñen en institucións e espazos públicos.

Monge, que sufriu en primeira persoa a represión franquista, precisou que “o libro recolle 48 distincións a golpistas e franquistas en quince concellos da provincia, 21 deles na cidade de Lugo”.

O sociólogo, que foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, calificou como “vergoñento” a permanencia destas honras, trece anos despois da aprobación da chamada Lei de Memoria Histórica e das advertencias da ONU, que reclama a España a supresión da Lei de Aministía.

No acto, presentado polo deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro, Monge agradeceu “a oportunidade de presentar o libro e difundir unha
información que non sempre chega á xente”. Nesa liña, lamentou as dificultades para visibilizar a publicación por recoller na capa unha fotografía de Manuel Fraga co saúdo fascista. “É moi difícil colocala nos estantes e escaparates das librerías, vai contra o discurso oficial”, expuxo.

Pola súa banda, Efrén Castro sinalou que se “trata dunha publicación que mostra de todo o camiño que queda por andar para a recuperación da memoria histórica e o resarcimento das vítimas” e comprometeuse a
“seguir avanzando nesta dirección”.

O pasado agosto, a área de Memoria Histórica retirou dos corredores do Pazo de San Marcos os cadros dos presidentes da Deputación de Lugo nomeados durante a ditadura de Primo de Rivera e tras o levantamento militar do 1936 e a posterior ditadura franquista.