O vindeiro venres, 20 de outubro, a Sociedade Filarmónica de Lugo comeza a súa tempada de concertos. Trece concertos programados de outubro a maio con orquestras, solistas e agrupacións de cámara de primeira fila que traerán á nosa cidade a mellor música.

Ábrese a tempada con dous concertos que ofrecerán, case de forma consecutiva, as dúas grandes orquestras da nosa Comunidade. A Real Filharmonía de Galicia actuará no Círculo das Artes o venres 20 de outubro, dirixida pola portuguesa Joana Carneiro, e una semana máis tarde, o 27 de outubro, será a Orquestra Sinfónica de Galicia a que interpretará os dous concertos para piano de Frederic Chopin, xunto co pianista e director canario Iván Martín, no mesmo escenario.

Venres, 20 de outubro de 2023 20:00 h. Círculo das Artes de Lugo

Real Filharmonía de Galicia
Joana Carneiro, directora
André Cebrián, frauta

Programa:

F. Mendelssohn (1809-1847): As Hébridas, Op. 26
J. Corigliano (1938): Viaxe para frauta e cordas* (rev. 1983) *Estrea en España
M. S. Weinberg (1919-1996): Concerto núm. 1 para frauta e corda, Op. 75
F. Mendelssohn (1809-1847): Sinfonía núm. 3 en la menor, Op. 56 “Escocesa”

Joana Carneiro, directora

Joana Carneiro é, dende a tempada 2020/2021, a principal directora invitada da RFG. É ademais a batuta principal da Orquestra Sinfónica Portuguesa no Teatro São Carlos de Lisboa e directora artística do Estágio Gulbenkian para Orquestra dende 2013. 

De 2009 a 2018 foi directora musical da Sinfónica de Berkeley, sucedendo a Kent Nagano como a terceira directora musical nos 40 anos de historia da orquestra. De 2006 a 2018 foi directora convidada da Orquestra Gulbenkian.

 

André Cebrián, frauta

André Cebrián é solista de frauta da Scottish Chamber Orchestra. Tras as súas primeiras experiencias en xoves orquestras como a OJSG, a JONDE, a Britten-Pears ou a Gustav Mahler Jugendorchester, axiña iniciou a súa carreira profesional en orquestras como a Sinfónica de Galicia, Filharmonía de Galicia, Sinfónica de Tenerife, Orquestra de Cadaqués, Orquestra da Comunidade Valenciana, Orchestra Mozart, Nacional do Porto, Staatkskapelle Dresden ou Sinfónica de Asturias. 

É invitado regularmente como solista de frauta na BBC Scottish Symphony, Philharmonia Zürich, Royal Scottish National Orchestra, Spira Mirabilis, Sinfónica de Castela e León, Filharmónica de Gran Canaria, Sinfónica de Barcelona (OBC), Gran Teatro do Liceu, Malaysian Philharmonic e Orchestra Leonore.   

André non é só un experimentado músico de orquestra, senón un apaixonado da música de cámara. Cando non está tocando en orquestra, pódese encontralo facilmente co quinteto de vento Azahar Ensemble, ou Natalia Ensemble (ensemble sinfónico que fundou en 2013 e do que ademais é director artístico e arranxista) ou cun dos seus proxectos a dúo coa arpista Bleuenn Le Friec ou co guitarrista Pedro Mateo González.

A súa carreira como solista lévao por países como España, Alemaña, Polonia, Xeorxia ou o Reino Unido xunto a orquestras como a Sinfónica de Galicia, Sinfónica de Castela e León, Orquestra da Comunidade de Madrid, Dresden Staatskapelle, Scottish Chamber, Georgian Sinfonietta ou a Filharmonia Zabrzańska e con directores como Jean-Christophe Spinosi, Zsolt Nagy, Alejandro Posada, Lanfranco Marcelletti, Vladimir Jurowski, 

 

A súa faceta como editor e arranxista levárono a crear a editorial Jopfen Music, onde se poden encontrar moitos dos seus arranxos.

 

John Corigliano

Leonard Bernstein dixo del que era “o compositor con máis talento de hoxe en día”. Ao longo dos últimos 40 anos grandes músicos, directores e intérpretes continuaron dicindo o mesmo, gabando a súa imaxinación, creatividade e talento. 

O seu catálogo é moi amplo e inclúe preto de cen obras de música de cámara, 3 sinfonías e 8 concertos, por non mencionar o seu Óscar en 1999 pola excelente Banda Sonora Orixinal de O violín vermello, ou Mr. Tambourine Man: Seven Poems of Bob Dylan (2000) para orquestra e soprano, cuxa gravación gañou no ano 2008 o Grammy a Mellor Composición Contemporánea. 

A lista de recoñecementos é moi longa, un Pulitzer, o prestixioso Grawemeyer Award for Music Composition, tres Grammys e un Óscar, o recoñecemento da profesión e unha imaxinación desbordante. Recibiu bolsas de estudos da Fundación Guggenheim, National Endowment for the Arts e Meet the Composer.

Corigliano traballou na Juilliard School of Music e é ademais Distinguished Professor of Music at Lehman College, City University of New York, que creou unha bolsa de estudos co seu nome. Nado en 1938, fillo de músicos, John Corigliano viviu sempre na cidade de Nova York.