O vindeiro sábado 7 de maio terá lugar a presentación do Festival Arteficial de Ribadavia na cidade de Lugo, nun evento no que se verán acompañados pola asociación lucense Tele-Clube que exercerá de anfitrioa. O evento de presentación consistirá na celebración dun concerto en sesión vermú no Ho! Gruf coa banda Familia Caamagno

Hai tempo que Tele Clube e Arteficial entraron en contacto e estableceron un vínculo forte a través do cal se busca crear sinerxías entre ambas para compartir coñecementos e experiencias ademais de poñer en valor os eventos culturais en espazos rurais ou semi-urbanos nas provincias do interior.

O Arteficial é un festival que se celebra en Ribadavia (capital da comarca do Ribeiro, Ourense) e que este ano vai apola súa 16 edición, que terá lugar o sábado 3 de setembro na vila ribadaviense.
 
Como elas mesmas o denominan o festival é unha romaría da música e cultura alternativas do Ribeiro que conta cunha programación musical continuada desde as 13h do mediodía até ben entrada a noite.
 

O festival ten lugar nun espazo privilexiado como é o conxunto histórico da vila e a súa programación non só se limita ao musical senón que tamén conta cun mercado de arte, artículos de segunda man, etc., exposicións, unha intervención artística na torre daIgrexa da Madalena e outras actividades que fan deste festival un evento único na provincia.

Festival Arteficial é de entrada solidaria voluntaria, quen queira pode levar alimentos que recolle a Cruz Vermella do Ribeiro a través dun convenio que leva anos en vigor.
 

Este ano, a falta de máis confirmacións, xa forman parte do cartel as bandas portuguesas Gator, the Alligator, Grand Sun e Unsafe Space Garden.

O evento de presentación que ten lugar este Sábado 7 de maio consistirá na celebración dun concerto en sesión vermú no Ho! Gruf coa banda Familia Caamagno. 

Neste 2022 a banda galega vai editar o seu novo traballo discográfico do cal xa saíron algúns adiantos que poderán ser desfrutados no concerto de Lugo.

A nivel formal os novos temas manteñen o son inconfundible da banda (inspiración 60’s, guitarra rítmica moi marcada, guitarra de punteo abusando do “Fuzz”, melodías vocais e coros moi traballados) xunto a unha clara tendencia por atopar un son máis contemporáneo e máis pop, sen perder por iso a contundencia ou intencionalidade que os caracteriza.