Amnesia 3.0, a serie interactiva galega sobre un mundo que esqueceu, escrita e dirixida por Irene Pin, que vén de recibir o premio a mellor serie no Festival de contidos dixitais Carballo Interplay estrea segunda temporada no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo.

O evento terá lugar o 6 de maio ás 20h coa presenza da directora e o equipo da serie e as entradas poden reservarse gratis escribindo a vellocarcere@lugo.gal

Amnesia 3.0 é un thriller de ciencia ficción sobre a premisa básica dun mundo no que a xente non recorda. Se a primeira temporada nos introduciu nun universo distópico sen memoria, con todas as consecuencias, esta segunda achega pretende afondar nas dinámicas que levaron a esta situación.

A serie é unha proposta para abandonar os límites do relato convencional. Partindo de tres perspectivas, o público pode seguir a historia desde un ou outro itinerario, nos momentos en que as tramas se cruzan. As súas decisións non mudan a historia, pero si como a percibe. Porque como na vida, non todo está tan claro. O importante non é tanto o que che contan, senón como cho contan. E, sobre todo, quen.

Nesta nova entrega do distópico mundo que esqueceu, uniranse ás intérpretes da primeira, entre as que se atopaban caras coñecidas do panorama galego como Monti Castiñeiras ou Isabel Naveira, outras faces como Lidia Veiga, Melania Cruz, Xúlio Abonjo, Fran Lareu, Isabel Garrido e Mabel Rivera.

Esta nova temporada da serie consta de cinco capítulos interactivos producidos por Aqueladas coa axuda da AGADIC, a Deputación da Coruña e a
Vicepresidencia da Deputación de Lugo, quen organiza a estrea da segunda temporada tras levar a primeira por centros de ensino da provincia para
achegar a ficción en galego nun formato sen precedentes ás aulas.