24 horas para fotografar Lugo.
Máis de 30 participantes no XXVIII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo.

O XXVIII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, unha das citas máis consolidadas da programación organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, xirou os focos da súa última edición cara a cidade, ao tempo que convidou a reflectir a figura e a pegada de Juan Rof Codina, co gallo do seu nomeamento como Científico Galego do Ano 2022.

O integrante do Grupo Cinematográfico Fonmiñá e coordinador desta convocatoria artística, Eduardo Ochoa, acompañado da encargada da Área de Cultura da USC en Lugo, Paloma Lugilde, convocaron este domingo na Casa do Saber os 32 participantes inscritos que gozaron dun período de 24 horas para captar e presentar unhas instantáneas que serán sometidas este xoves ao criterio do xurado.

Foto: Gab. Comunicación Lugo Cultural.

O certame fotográfico dotado con 900 euros en premios para os participantes galardoados cos premios Carlos Valcárcel, que distingue a mellor imaxe presentada a concurso; Eduardo Ochoa, galardón que recoñece a mellor fotografía sobre a capital luguesa, que centrou a temática proposta pola organización, e un terceiro recoñecemento para a mellor creación de temática libre. 

A elaboración dun calendario con 12 das imaxes presentadas a concurso e a apertura, prevista para o 21 de novembro na Biblioteca Intercentros, dun exposición composta por 20 imaxes que logo viaxarán á Biblioteca Provincial Lugo, completarán o percorrido do XXVIII Maratón Fotográfico do Campus.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, o coordinador do XXVIII Maratón Fotográfico do Campus, Eduardo Ochoa; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro, e as directoras da Biblioteca Intercentros, Julia Cantalapiedra, e da Biblioteca Provincial de Lugo, Isabel Pérez Fórneas, formarán parte do tribunal encargado de fallar os premios, ao que tamén podería incorporarse unha neta do xa finado Carlos Valcárcel.