A Cabalgata de Reis de Lugo estará adicada ás viaxes reais e imaxinarias.

Leva por título ‘Nómadas’ e contará con 4 carrozas e 14 espectáculos teatrais itinerantes musicais con máis de 80 artistas

Foto: Gab. Com. Cultura, Turismo e Promoción da Lingua

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, deron a coñecer os pormenores da Cabalgata de Reis deste vindeiro ano 2025, que levará por título «Nómadas» e sairá do parque da Milagrosa ás 18 horas, con chegada aproximada á praza Maior ás 19:30.

Contará con catro carrozas, as tres dos Reis e a dos agasallos. As dos reis estarán ambientadas en «20.000 leguas de viaxe submarina», «A volta ao mundo en 80 días» e «Apolo 11 chegada do home á Lúa»

Acompañadas de 14 espectáculos teatrais itinerantes musicais  con submarinos, caravanas cirquenses, zeppelíns, grandes animais, músicas diversas e moito máis. Durante o desfile, os paxes reais repartirán 1500 quilos de caramelos entre todas as nenas, nenos e maiores que se acheguen a saudalos. 

Volverá entrar ao centro da cidade a través da porta de San Fernando, e desde a Tenencia de Alcaldía publicarase o percorrido definitivo nos vindeiros días, unha vez se analice o estado actual das obras de peonalización do centro da cidade.

Rubén Arroxo explicou que «a cabalgata deste 2025 está adicada a aquelas persoas reais ou de ficción que coma os Reis Magos fan da viaxe o seu modo de vida, grandes viaxes da historia e da literatura, grandes viaxeiros e expedicións, caravanas e nómadas de antes e de agora, a ilusión da viaxe e o descubrimento, da exploración do mundo, coñecer novos lugares e persoas e aprender delas, intercambiar culturas».

O Tenente Alcalde destacou que a cabalgata de Reis é, xunto co San Froilán, un dos eventos que máis persoas mobilizan ao longo do ano, con entre 40 e 50 mil persoas na edición 2024.

Foto: Gab. Com. Cultura, Turismo e Promoción da Lingua